Madrid escolle o exemplo do Plan Revitaliza da Deputación

Pontevedra
12 de marzo 2018

A Comunidade de Madrid, a Federación de Municipios de Madrid e Ferrovial veñen de escoller o Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra como un exemplo dos novos retos e oportunidades da fracción orgánica do lixo

Exposición do "Plan Revitaliza" no Círculo de Bellas Artes de Madrid
Exposición do "Plan Revitaliza" no Círculo de Bellas Artes de Madrid / Deputación de Pontevedra

A Comunidade de Madrid, a Federación de Municipios de Madrid e Ferrovial veñen de escoller o Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra como un exemplo dos novos retos e oportunidades da fracción orgánica do lixo.

Este lunes o asesor de residuos provincial Carlos Pérez, xunto coa técnica María Martínez Abraldes, expuxeron a aposta pontevedresa pola compostaxe comunitaria nunha xornada técnica no Círculo de Belas Artes de Madrid á que asistiron técnicos, concelleiros, persoal funcionario e de diferentes concellos madrileños para tomar nota do modelo e da súa posible aplicación nos seus territorios.

Pérez e Abraldes indicaron que o Plan Revitaliza da Deputación xa implica a 36 concellos da provincia que teñen como obxectivo aplicar a compostaxe como modelo de xestión de lixo de cara a 2020 co fin de cumprir as esixencias europeas e autonómicas.

Nestes momentos, son seis os concellos máis avanzados: Vilaboa, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, O Grove e Pontevedra.

Na súa exposición baixo o epígrafe "Como o están a facer", Carlos Pérez subliñou que o transporte dos residuos é a día de hoxe unha das partes máis caras do custe do lixo para os municipios de Pontevedra.

Así mesmo, explicou que a conclusión de que a compostaxe era o mellor modelo de xestión para a provincia foi moi analizada: baseouse fundamentalmente no peso que ten o orgánico na bolsa do lixo urbana (supón o 53%, unha cifra maior que noutras localidades), na existencia de puntos de xeración de residuos moi dispersos, así como na presenza maioritaria de vivendas unifamiliares nas que é posible facer o tratamento do orgánico in situ, a quilómetro cero.

Pérez defendeu, así, que a descentralización do tratamento era a solución e argumentou que o lixo orgánico dos 900.000 habitantes da provincia practicamente se pode xestionar en case tres partes iguais mediante composteiros individuais, comunitarios e plantas comarcais.

Pérez destacou tamén que dende a chegada ao goberno da Deputación lévanse instalados practicamente 60 centros de compostaxe comunitaria en 21 concellos da provincia co obxectivo de que a cidadanía puidese comprobar as súas bondades, e que en breve a cifra vai multiplicarse exponencialmente con máis composteiros comunitarios e individuais.

Por outra parte, Pérez tamén falou dos custes do proceso da compostaxe e dos cambios necesarios nas taxas municipais, cuestións que deben ser abordadas de xeito individual por cada un dos concellos que se implican no Plan Revitaliza.

Destacou que a día de hoxe a práctica totalidade dos municipios pontevedreses non financian nin a metade do custe do servizo cos recibos abonados pola cidadanía.