O PP critica o "fracaso estrepitoso" do plan de compostaxe da Deputación

Pontevedra
21 de marzo 2018

Nunha rolda de prensa celebrada este mércores o portavoz do PP provincial, Ángel Moldes, afirmou que os gastos da Deputación neste plan "superan os cinco millóns de euros"  

Rolda de prensa do PP provincial
Rolda de prensa do PP provincial / PontevedraViva

O grupo provincial do Partido Popular considera que o plan de compostaxe da Deputación de Pontevedra é un "fracaso estrepitoso", á luz dos datos ofrecidos por Sogama (Sociedade Galega do Medio Ambiente) respecto ao incremento das toneladas de residuos que remitiron os concellos desta provincia durante o período 2015-2017.

O coñecido como Plan Revitaliza da Deputación ten o obxectivo de que no 2020 a compostaxe sexa o modelo predominante en canto a tratamento dos residuos orgánicos.

Nunha rolda de prensa celebrada este mércores o portavoz do PP provincial, Ángel Moldes, afirmou que os gastos da Deputación neste plan "superan os cinco millóns de euros", segundo os seus cálculos nos que inclúe: viaxes, liñas de subvención, compra de compostadores, "mestres composteiros", asistencias técnicas, estudos e xornadas, aluguer de instalacións e convenios con entidades privadas.

Ángel Moldes lembrou que o Plan Revitaliza é "un dos proxectos estrela desta nova Deputación" ao que se adheriron 29 dos 61 municipios da provincia aínda que "só cinco foron os que seguiron con este plan" en canto á última liña de subvencións convocada.

Moldes insistiu en que o convencemento do Partido Popular de avanzar pola senda da posta en marcha de políticas que favorezan a reciclaxe e o compost, pero indicou que no goberno provincial "non se están facendo ben as cousas a xulgar polos resultados negativos que arroxa". 

Os datos que achega o portavoz do PP sinalan que en toda Galicia produciuse un incremento do 1,5%, unhas 12.000 toneladas, de residuos sólidos urbanos que se trasladan a Sogama para o seu tratamento. No caso concreto da provincia de Pontevedra, o estudo feito entre os anos 2015 e 2017, de aplicación do Plan Revitaliza, sinala que "mentres a poboación na provincia de Pontevedra baixou un 0,5% o envío de residuos a Sogama dos concellos que a integran aumentou un 2,6%", unhas 9.000 toneladas máis.

"O bipartito ten que reflexionar con estes datos obxectivos na man e decatarse de que hai algo que non están a facer ben", engadiu o portavoz do PP que puxo como exemplo a experiencia pioneira do Ministerio no Concello de Cerdedo-Cotobade "onde si se está reducindo o número de toneladas de residuos urbanos producidos".