Os populares cren que o BNG busca "cómplices" para "compartir o fracaso" do plan de compostaxe

Pontevedra
25 de abril 2018

O grupo provincial do Partido Popular considera que o BNG busca cómplices cando propón á Xunta a apertura dun proceso de diálogo coa Deputación de Pontevedra para estudar a posibilidade de colaborar no desenvolvemento do Plan Revitaliza e amplialo ao resto do territorio galego

Salomé Peña, Ángel Moldes e Luís Aragunde
Salomé Peña, Ángel Moldes e Luís Aragunde / Paula Sanmartín

O grupo provincial do Partido Popular considera que o BNG busca "cómplices" cando propón á Xunta a apertura dun proceso de diálogo coa Deputación de Pontevedra para estudar a posibilidade de colaborar no desenvolvemento do Plan Revitaliza e amplialo ao resto do territorio galego.

"O que están a buscar son cómplices para que non se poida criticar esobretodo para compartir ese fracaso", dixo este mércores en rolda de prensa o portavoz do PP provincial, Ángel Moldes.

Os populares insisten en que o Plan Revitaliza, o proxecto de compostaxe da Deputación de Pontevedra, é un "fracaso", á luz dos datos ofrecidos por Sogama respecto ao incremento das toneladas de residuos que remitiron os concellos desta provincia durante o período 2015-2017.

"Agora teñen un problema grande porque estes datos están aí", dixo Moldes. As cifras de Sogama sinalan que en toda Galicia produciuse un incremento do 1,5%, unhas 12.000 toneladas, de residuos sólidos urbanos que se trasladan á planta de Cerceda para o seu tratamento.

No caso concreto da provincia de Pontevedra, o estudo feito entre os anos 2015 e 2017, de aplicación do Plan Revitaliza, sinala que "mentres a poboación na provincia de Pontevedra baixou un 0,5% o envío de residuos a Sogama dos concellos que a integran aumentou un 2,6%", unhas 9.000 toneladas máis, o que supón un "fracaso" do Plan Revitaliza.

"Iso está claro que o teñen que comer eles soíños" apuntou Moldes "o Partido Popular non pode ser cómplice dun fracaso", insistiu.

O coñecido como Plan Revitaliza ten o obxectivo de que no 2020 a compostaxe sexa o modelo predominante na provincia en canto a tratamento dos residuos orgánicos. Para lograr ese obxectivo, o portavoz do PP provincial, afirmou que a Deputación leva investidos neste "proxecto estrela" máis de cinco millóns de euros.

O Partido Popular criticou que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, estea "totalmente calada" neste asunto e danlle un "tempo prudencial" para que ofreza explicacións, antes de esixirllas "por outros métodos legais" vía comisión ou mesmo nun pleno extraordinario.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora