Un "PP cavernícola" e a "fuxida" de Mosquera "co Plan Revitaliza cara a Bruxelas"

Pontevedra
28 de marzo 2018

A compostaxe segue no centro das iortas políticas esta semana en Pontevedra

Zero Waste Europa elixe ao Plan Revitaliza como mellor experiencia ambiental de España
Zero Waste Europa elixe ao Plan Revitaliza como mellor experiencia ambiental de España / Deputación de Pontevedra

"É obvio que en Pontevedra temos un Partido Popular cavernícola", dixo o vicepresidente da Deputación, César Mosquera en referencia á actitude do Partido Popular, a nivel local e provincial, polo seu rexeitamento ao plan de compostaxe Revitaliza.

"Todos os problemas téñenos Jacobo Moreira e Ángel Moldes", apuntou Mosquera citando o exemplo de Sanxenxo onde "o mentor político de Moreira" xa ten instalado un composteiro comunitario e están a solicitar máis.

Tamén se referiu o mandatario nacionalista á recollida de sinaturas no barrio de Eduardo Pondal sinalando que "hai persoas que no seu momento asinaron a favor do compostero e que agora o fixeron en contra".

O vicepresidente tamén fixo referencia á redución dos envíos de residuos orgánicos a Sogama. Destacou que "é evidente" que os centos de toneladas de lixo tratadas nos centros de compostaxe comunitaria detraéronse dos colectores verdes.

"As persoas que aportan nos centros de compostaxe comunitaria non son o torrente maioritario. Pero hai xente que composta o seu lixo orgánico e despois sae compost. Nos últimos anos, debido ao incremento da actividade económica tamén hai un incremento do lixo orgánico, e se nós conseguimos detraer aínda que só sexa unha parte, iso xa é positivo. Canto máis estendamos o sistema na provincia, máis baixará de xeito xeralizado o que se envía a Sogama. É unha obviedade", destacou.

CRITICAS DO PP

Pola súa banda o Partido Popular reprocha ao vicepresidente a súa "incoherencia e falla de credibilidade" trala súa "euforia por un convite dun colectivo non gubernamental a dar unha charla en Bruxelas polo Plan Revitaliza en lugar de explicar en sede provincial como despois de 2 anos de aplicación deste programa estrela".

Os populares acusan a Mosquera de "fuxir co Plan Revitaliza cara a Bruxelas" en referencia ao recoñecemento da axencia Zero Waste Europe ao Plan de compostaxe da Deputación coma a mellor experiencia medioambiental de España. Para a formación conservadora o nacionalista buscou "unha escusa para viaxar por Europa aproveitando convites de colectivos e organizacións non gubernamentais sin representación institucional".

O voceiro do PP Ángel Moldes insistiu en que Pontevedra é a provincia que máis lixo produce en Galicia e que fronte ao descenso da poboación aumenta nun 2,6% os seus aportes de residuos sólidos urbanos a SOGAMA "despois de gastar máis de 5 millóns de euros nesta ocurrencia" que volveu cualificar de "estrepitoso fracaso".

CENTRO OCUPACIONAL DO SAIAR

Charlas, obradoiros, xogos de iniciación e repaso sobre compostaxe, observación de microfauna e posta en marcha dun composteiro. Esas foron as actividades que esta semana realizaron 32 alumnos dos módulos formativos profesionais de xardinería, carpintería, cestería e encadernación do centro ocupacional de O Saiar en Caldas de Reis grazas ao traballo do persoal técnico do Ceida, que deu a coñecer o Plan Revitaliza da Deputación.