Maica Larriba felicita os gañadores do concurso escolar contra a violencia machista

Pontevedra
19 de novembro 2020

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, deu a coñecer este xoves aos gañadores deste concurso escolar de fotografía e vídeo

Xurado da IV edición do Concurso escolar de fotografía e vídeo organizado pola Subdelegación do Goberno de Pontevedra Subdelegación do Goberno

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, presidiu este xoves a reunión do xurado que fallou os gañadores da IV edición do Concurso escolar de fotografía e vídeo organizado pola Subdelegación do Goberno de Pontevedra polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se conmemora o próximo 25 de novembro.

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra contou nesta ocasión cun xurado formado por catro expertos na materia para analizar as obras e seleccionar os gañadores: Andrés Fraga, profesor do departamento de Comunicación audiovisual e Publicidade da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo; Emma Torres, profesora e decana desta mesma facultade; Belén Rubido, xuíza decana e titular do Xulgado Penal nº 4 de Pontevedra especializado en violencia de xénero e Mónica Patxot, fotoxornalista de Pontevedra Viva.

Nesta edición, os escolares de case unha vintena de institutos da provincia remitiron máis dun centenar de traballos de vídeo e fotografía. 

Maica Larriba amosouse moi contenta pola acollida dos novos formatos introducidos por primeira vez no concurso, que durante as súas tres primeiras edicións centrárase no relato e no debuxo. "En total, recibimos 92 fotografías e 11 vídeos curtos, a través dos cales os máis novos tentaron transmitir a súa visión sobre a violencia machista. E os resultados non poden ser máis satisfactorios". afirmou a subdelegada.

Atendendo ás dúas categorías e modalidades establecidas nas bases do concurso, recibíronse un total de 52 fotografías e 6 vídeos na categoría dirixida ao alumnado da ESO, F.P. Básica e F.P. Ciclo Medio. Na categoría que abrangue aos estudantes de Bacharelato e F.P. Ciclo Superior recepcionáronse 40 fotografías e 5 vídeos.

Tal e como se establecía nas bases do concurso, se adxudicaron un primeiro e segundo premio por cada modalidade –fotografía e vídeo- e categoría, que recaeron en:
 

FOTOGRAFÍA. CATEGORIA 1 (ESO, F.P. Básica e F.P. Ciclo Medio) 

  • 1º PREMIO: "A lúa da meiga", de Alexandra Corredoira Peleterio, alumna de 2 curso da ESO do IES Gonzalo Torrente Ballester, de Pontevedra.
  • 2º PREMIO: "Huellas invisibles", de Neva Alonso Gago, alumna de 3º da ESO do Colegio Eduardo Pondal, de Cangas.

 

FOTOGRAFÍA. CATEGORIA 2 (Bacharelato, F.P. Ciclo Superior) 

  • 1º PREMIO: "Aléjate", de Uxía López Míguez, alumna de 2º Bacharelato do CPR Santiago Apostol, de Soutomaior.
  • 2º PREMIO: "Secuelas", de Lucía Estévez Cid, alumna de 2º da ESO do IES Frei Martín Sarmiento, de Pontevedra.

 

VIDEO. CATEGORIA 1 (ESO, F.P. Básica e F.P. Ciclo Medio) 

  • 1º PREMIO: "Cambiemos esta banda sonora", de Mateo Gil Sestelo, alumno de 2º da ESO do CPI Mondariz
  • 2ºPREMIO: "No a la violencia de género", de Paula Fernández Carballo, alumna de 1º da ESO do CPR Plurilingüe Casa de la Virgen, de Cangas

 

VIDEO. CATEGORIA 2 (Bacharelato, F.P. Ciclo Superior) 

  • 1º PREMIO: "Pongámoslle un punto y final", de Mara Franco Rodríguez alumna de 2º de Bacharelato do CPR Santiago Apóstol, de Soutomaior.
  • 2º PREMIO: "Vas tarde", de Aloia López Martínez, alumna de 1º de Bacharelato do IES Frei Martín Sarmiento, de Pontevedra.

 

Na primeira categoría, o primeiro premio consiste nun ordenador portátil e o segundo nunha táblet, e na segunda categoría o primeiro premio é un ordenador portátil e o segundo un vale por un importe de cen euros. 

A subdelegada do Goberno lembrou a importancia de seguir promovendo unha reflexión social sobre este preocupante problema que nos atinxe a todos. "Só a concienciación pode evitar que no futuro se repitan as cifras do noso presente, no que unha de cada dúas mulleres españolas sufre ou sufriu violencia polo mero feito de ser muller e no que máis dun millón e medio de menores no noso país viven nalgún fogar no que a muller está sufrindo na actualidade algún tipo de violencia na parella".