Concienciar e sensibilizar ao alumnado dos institutos e centros de formación profesional de Pontevedra sobre a violencia de xénero. Ese é o obxectivo co que naceu hai cinco anos o Concurso Escolar contra a Violencia de Xénero que organiza a Subdelegación do Goberno e este 2021 mantense. Nesta quinta edición, centrarase de xeito específico na violencia vicaria.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, Manuela Vilaboy, presentaron este martes a nova edición do concurso, que neste mesmo formato non se celebra en ningunha outra provincia galega, aínda que si empeza a facerse noutros puntos de España que pediron información á propia Subdelegación para coñecer o que facían.
Larrba e Vilaboy insistiron na crueldade da violencia vicaria, que "castiga a las mujeres en lo que más le duele, en sus hijos y sus hijas". Larriba lembrou que "hemos tenido casos muy potentes, muy mediáticos en los últimos tiempos", como, por exemplo, o das nenas de Tenerife Anna e Olivia.
O concurso busca que este ano o alumnado, todo en idade adolescente, reflexione sobre esta forma tan cruel de violencia, que "a veces quedaba solapada" ou nun segundo plano fronte a outras modalidades de violencia de xénero, pero que ten un grande impacto. Así, desde que en 2013 empezou a haber estatísticas, 42 menores foron asasinados polas parellas ou exparellas das súas nais, 5 deles neste ano 2021.
Este concurso escolar forma parte da programación de actividades do 25N, Día da Eliminación da Violencia contra a Muller, e está dirixido ao alumnado de ESO, FP e Bacharelato para concienciar sobre "esta problemática tan tremenda" utilizando como instrumento a creación artística para vehiculalo.
A diferencia das tres primeiras edicións, este ano seguirase o formato da edición pandémica 2020, que tan ben funcionou, e o concurso busca fomentar a creación artística do alumnado a través da fotografía e o vídeo. A pesar de que en 2020 a situación de pandemia complicou a difusión deste concurso e a participación nos centros, presentáronse máis dun centenar de traballos, de modo que a valoración foi moi boa e confían en que este 2021 aumente.
Repiten o mesmo esquema de traballo. Así, haberá dúas modalidades, fotografía e vídeo, nas que o alumnado poderá entregar un máximo de tres fotografías e un vídeo de 60 segundos.
En cada modalidade, haberá dúas categorías, alumnado de F.P. Básica e Media e ESO e alumnado de F.P. Superior e Bacharelato, e tres premios, primeiro, segundo e accésit. Serám, respectivamente, un ordenador persoal, unha tableta e un vale de 100 euros en El Corte Inglés e Carrefour.
O prazo de entrega de traballos xa está aberto e o alumnado poderá enviar os seus traballos ata o 10 de novembro ao enderezo electrónico [email protected].
A continuación, o xurado decidirá o gañador de cada unha das modalidades e categorías. Estará integrado pola fotógrafa de PontevedraViva Mónica Patxot; o profesor asociado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo Andrés Fraga; a decana do centro, Enma Torres; e a xuíza decana de Pontevedra e titular do xulgado do Penal 4 de Pontevedra, especializado en violencia de xénero, Belén Rubido.
Os premios entregaranse o mércores 24 de novembro na Subdelegación.