Vilaboa viviu este venres unha nova edición do seu tradicional Festival dos Maios. Foi no medio dun ambiente lúdico, participativo e cheo desa retranca que converte esta celebración nun dos encontros máis singulares do municipio.
Tres creacións concorreron ao certame deste ano, elaboradas pola veciñanza de Figueirido, polo CRA de Figueirido e polo Club de Xubilados de Vilaboa, que acadaron o primeiro, segundo e terceiro premio respectivamente.
A xornada desenvolveuse nun auditorio ao aire libre que reuniu persoas de todas as idades arredor dun mesmo fío condutor: a ironía e a crítica social expresadas con humor, imaxinación e moito talento colectivo.
Os máis pequenos do CRA de Figueirido aproveitaron o seu maio para reivindicar melloras nas instalacións da súa aula, mentres que a rapazada de Figueirido ampliou o foco a outros ámbitos da actualidade local.
Entre as súas sátiras lembraron que, durante os temporais, o alcalde César Poza propuxera pechar os centros educativos, sendo finalmente a Xunta quen decidiu manter as clases "para evitar que estiveran coa Play", segundo recolleron con humor.
Tamén fixeron referencia ao enfado inicial da veciñanza de Paredes polas obras do pumptrack, aínda que agora -ironizaron- "alucinan co que facturan no bar".
Pola súa banda, o maio do Club de Xubilados fixo un percorrido pola actualidade estatal e autonómica, combinando retranca e crítica amable para abordar algúns dos rumores que circulan polo municipio.
Non esqueceron tampouco o debate xerado pola reubicación dos contedores para adaptarse aos novos camións de carga lateral, motivo polo que hoxe pedían entre risas "patinetes para chegar".
A celebración estivo amenizada pola música de DJ Milucho e polo grupo Al ritmo de Adri, que contribuíron a crear unha atmosfera festiva e dinámica durante toda a mañá.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.