Máis de 1.000 alegacións opóñense ao proxecto eólico de Chamarrapio, Alamoceiros e Xubrintas

Cerdedo Cotobade
21 de agosto 2025
Actualizado: 17:26

As plataformas contrarias a este proxecto sinalan que intensifica a "ameaza sobre o patrimonio natural e cultural" dos concellos de A Estrada, Campo Lameiro e Cercedo-Cotobade

Mobilización veciñal contra o parque de Chamarrapio, Alamoceiros e Xubrintas
Mobilización veciñal contra o parque de Chamarrapio, Alamoceiros e Xubrintas / Colectivo do Vento

A campaña de alegacións posta en marcha contra o parque eólico que se proxecta en Chamarrapio, Alamoceiros e Xubrintas está a ter unha "ampla resposta social".

Así, segundo informan os impulsores, distintos colectivos e veciñanza da zona recolleron máis de 1.000 alegacións.

O obxectivo é visibilizar o rexeitamento xeralizado da poboación e defender o territorio fronte a un modelo de implantación eólica que "non ten en conta ás comunidades locais, nin as necesidades reais da poboación e que pon en perigo os nosos montes".

O prazo para presentar alegacións remata o 28 de agosto e para todos aqueles que queiran presentar a súa oposición, o modelo pódese atopar na páxina de 'Terra de Montes en Perigo': bit.ly/AlegacionsPE922.

As plataformas contrarias a este proxecto sinalan que intensifica a "ameaza sobre o patrimonio natural e cultural" dos concellos de A Estrada, Campo Lameiro e Cercedo-Cotobade.

Este macroproxecto eólico suma 184,23 MW de potencia. Está tramitado polo Estado e, segundo os opositores, de levarse acabo, enchería o monte con 40 aeroxeradores  de entre 150 e os 220 metros de altura, 3 subestacións eléctricas concentradoras (unha en Morillas de Campo Lameiro, outra en Corredoira de Cotobade e outra en Covelo), unha Liña de Alta Tensión de 45,5 km, 9 antenas de medición e quilómetros e quilómetros de viais e zanxas con circuitos eléctricos. 

Afectaría "moi negativamente" os concellos de A Estrada (parroquias de Codeseda, Souto e Sabucedo), Campo Lameiro (parroquias de Couso, San Miguel do Campo, Muimenta, Morillas, e San Isidro) e Cerdedo-Cotobade (parroquias de Quireza, Castro, Pedre, Cerdedo, Corredoira, Caroi, Loureiro, Valongo e Aguasantas).

Tamén "sufrirán os impactos" os concellos de A Lama, Fornelos de Montes e Covelo, que atravesaría á Liña de Alta Tensión ata o punto de conexión na Rede Eléctrica en Fontefría.

A meirande parte das infraestruturas proxéctanse nos montes onde se celebra a Rapa das Bestas de Sabucedo, recentemente declarada Ben de Interese Cultural, "poñendo en risco esta tradición centenaria".

Varios aeroxeradores situaríanse a menos dun quilómetro de aldeas como Sabucedo, Painceiros, Fornelos, Os Castros, O Outeiro ou A Portela, con "graves impactos na saúde e calidade de vida da poboación".

Tamén poñen como exemplos "extremos" do impacto do proxecto os tres muíños de 220 metros proxectados no Monte Peón, lugar chave da Baixa das Bestas, ou o aeroxerador de 200 metros previsto a 800 metros do curro de Sabucedo.