Máis de 5.000 persoas non reciben as doazóns a tempo: chamada solidaria á Pontevedrada

Pontevedra
15 de abril 2026
Actualizado: 18:12

Os 1.400 participantes percorrerán o Camiño Portugués nunha nova edición da Pontevedrada, un evento solidario que combina deporte e concienciación social

Saída da Pontevedrada 2025
Saída da Pontevedrada 2025 / Cristina Saiz

A Pontevedrada, unha marcha nocturna de 67 quilómetros que une Pontevedra coa Praza do Obradoiro, a través do Camiño de Santiago Portugués, volve cunha forte mensaxe solidaria sobre a doazón de sangue, órganos e tecidos co obxectivo de concienciar á cidadanía.

A marcha celebrarase o sábado 25 de abril, ás 20.00 horas, con saída desde Montero Ríos, fronte ao Pazo da Deputación, así o explicou o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores.

O alcalde subliñou "é unha xornada solidaria que, a verdade, ten unha participación altísima". Por esta razón o Concello ofrece apoio loxístico á organización, coa colaboración de Protección Civil e a coordinación co Concello de Barro.

Pontevedrada 2026
Pontevedrada 2026 Antía Quinteiro García

O acto contará con varios autobuses para aquelas persoas que necesiten abandonar a andaina nalgún punto do percorrido e poder regresar con seguridade durante o traxecto.

Francisco Pérez-Mirás Miguéns, presidente da Asociación de Amigos de Pontevedra (Asampo), organizadora do evento, insistiu na importancia da doazón: “Presumimos en España de estar á cabeza en doazóns, pero nestes momentos as estatísticas din que hai máis de 5.000 persoas ás que non lles chegan os órganos a tempo; para min iso é un fracaso absoluto.”

Tamén lembrou a magnitude do sistema sanitario: "temos sobre 68.000 persoas en toda España en diálese", e engadiu que "normalmente, a diario sobre 1.100 e 1.200 persoas falecen en España, e que se van moitas oportunidades que non se aproveitan".

A edición deste ano contará con novidades, como unha batucada do grupo Os Vikingos e o testemuño dunha nai cun neno trasplantado de fígado os tres anos, que se compartirá á saída do evento.

En canto á participación, a organización destaca o éxito de inscrición, superando os 1.400 participantes, achegándose á edición con maior número de inscricións en 2019, de 1.504 persoas.

Ademais detectouse "unha gran participación de xente nova", sinalou o presidente da asociación, datos que valoran moi positivamente.

Esta marcha nocturna volve converterse nun evento multitudinario que combina deporte e concienciación social cunha mensaxe clara: doar salva vidas.