Máis de 150 persoas coñecen o parque forestal da Fracha a través dunha Ponteandada

Pontevedra
24 de outubro 2021

Un total de 153 persoas participaron na camiñada. Nas próximas semanas, a iniciativa inclúe no seu calendario unha camiñada polo encoro do Pontillón do Castro o 7 de novembro e outra polo parque forestal da Tomba o 21 de novembro

Ponteandada do 2024 pola serra da Fracha
Ponteandada do 2024 pola serra da Fracha / Concello de Pontevedra

Novo éxito do programa Ponteandadas 2021. Este domingo celebrouse a terceira cita desta edición cunha camiñada polo parque forestal da Fracha para a que tiña xa todas as prazas esgotadas.

Un total de 153 persoas participaron na camiñada organizada pola Concellaría de Deportes, Actividade Física e Saúde, que comezou na área recreativa da Fracha e se desenvolveu con estritas medidas de prevención. Así, houbo grupos dun máximo de 20 persoas e todos os participantes usaron xel desinfectante, luvas e máscara de protección, ademais de gardar unha distancia mínima de dous metros.

A iniciativa inclúe no seu calendario unha camiñada polo encoro do Pontillón do Castro o 7 de novembro e outra polo parque forestal da Tomba o 21 de novembro.

Todos aqueles interesados en participar nas mesmas poden xestionar as inscricións coa firma Naturgaliza a través da dirección de correo electrónico [email protected] ou o whatsapp 625 48 26 36, establecéndose tamén nestes casos un máximo de 200 prazas por roteiro.