Novo éxito do programa Ponteandadas 2021. Este domingo celebrouse a terceira cita desta edición cunha camiñada polo parque forestal da Fracha para a que tiña xa todas as prazas esgotadas.
Un total de 153 persoas participaron na camiñada organizada pola Concellaría de Deportes, Actividade Física e Saúde, que comezou na área recreativa da Fracha e se desenvolveu con estritas medidas de prevención. Así, houbo grupos dun máximo de 20 persoas e todos os participantes usaron xel desinfectante, luvas e máscara de protección, ademais de gardar unha distancia mínima de dous metros.
A iniciativa inclúe no seu calendario unha camiñada polo encoro do Pontillón do Castro o 7 de novembro e outra polo parque forestal da Tomba o 21 de novembro.
Todos aqueles interesados en participar nas mesmas poden xestionar as inscricións coa firma Naturgaliza a través da dirección de correo electrónico ponteandadas@gmail.com ou o whatsapp 625 48 26 36, establecéndose tamén nestes casos un máximo de 200 prazas por roteiro.