As patrullas da Brigada Galicia VII (Brilat) que acometen a operación Centinela Gallego de loita contra os incendios forestais levan xa un mes no monte este verán e, neste tempo, percorreron máis de 240.000 quilómetros e deron 81 avisos aos efectivos de extinción e as Forzas de Seguridade.
Este balance, facilitado este xoves pola propia Brigada, permite concluír, un ano máis, que as Forzas Armadas contribúen de forma activa na vixilancia e prevención de incendios forestais.
Na operación Centinela Gallego participan efectivos do Exército de Terra, con patrullas da Brilat, e tamén da Armada, con patrullas do Terzo Norte de Infantería de Mariña, con sede en Ferrol. Todos están no monte desde o pasado 15 de xullo baixo mando do xeneral da brigada pontevedra, Antonio Romero.
Dos 81 avisos dados, 31 foron por conatos, 19 por incendios e 31 por queimas e a Brigada asegura que o balance é positivo, xa que a alerta temperá facilitada polas patrullas contribuíu á rápida actuación dos servizos de extinción da Xunta.
No primeiro mes da operación, participaron nela máis de 450 militares, os da Brilat patrullando as provincias de Pontevedra e Ourense e os do Terzo Norte de Infantería de Mariña, na Coruña.
Segundo os datos facilitados pola Brigada, este ano queimouse na zona onde actúan as patrullas militares ao redor un 70% menos superficie que na campaña de 2016 . Ademais, na súa zona de actuación non se produciu ningún incendio superior a 120 hectáreas.