Máis de 350 niños de avespa velutina retirados no municipio en só catro meses

Pontevedra
21 de novembro 2017

Ese é o balance facilitado este martes polo concelleiro Alberto Oubiña con respecto ao grupo de voluntarios que loita por controlar o efecto desta especie invasora no Concello. Os avisos recibidos en Pontevedra no últimos catro meses superan os 400

Niño de avespa velutina
Niño de avespa velutina / Depolgal

Só levan catro meses actuando no municipio para tentar frear o efecto da avespa velutina, pero a vintena de voluntarios da agrupación formada en Pontevedra co apoio do Concello retirou máis de 350 niños desta especia invasora.

É o balance feito público este martes polo concelleiro Alberto Oubiña, pero o número de avisos recibidos durante este tempo supera os 400, sumando os niños que non puideron retirar pola súa altura ou dos que se encargaron outras organizacións como os Bombeiros ou Medio Rural.

"É un balance positivo para o Concello", asegura Oubiña, sen ben se trata dun traballo "que sería absolutamente imposible sen o grupo de voluntarios", a quen agradeceu a súa dedicación.

O edil asegurou que seguirán destinando recursos a combater o avance da avespa velutina pero lembrou que "quen debe poñerse á fronte deste traballo en todo o país é a Xunta".

Polo momento o goberno local destinou 20.000 euros en formar aos voluntarios e colaborar coa agrupación dotándoa de material, pero non se detén aí e pensa nas próximas liñas de actuación.

Pasado o período estival, con maior presencia desta avespa, nos próximos meses seguiranse localizando e retirando niños, empezaranse a colocar trampas nas zonas de maior afectación e ofreceranse cursos de formación para veciños e novos voluntarios.

O departamento municipal de Medio Ambiente Natural lembra que mantén activo un número de whatsapp (679 411 930) no que comunicar a aparición ou localización de novos niños.

Arquivado en