Máis de 415.000 euros para mellorar e modernizar a entrada ao Centro Príncipe Felipe en Montecelo

Pontevedra
21 de febreiro 2019

O vicepresidente da Deputación e o alcalde de Pontevedra inauguraban este xoves a rotonda de acceso ás instalacións. César Mosquera, Miguel Anxo Fernández Lores e a deputada Eva Vilaverde destacaron que esta obra ofrece máis seguridade viaria e calidade urbana nesta estrada PO-532

Inauguración da rotonda de acceso á Cidade Infantil Príncipe Felipe
Inauguración da rotonda de acceso á Cidade Infantil Príncipe Felipe / Mónica Patxot

A nova glorieta de acceso ás instalacións do Centro Príncipe Felipe cambia a dinámica de circulación dos condutores afeitos a percorrer a PO-532, de acceso a Montecelo. Esta gran rotonda, que contou cun orzamento de 417.435 euros, busca mellorar a seguridade viaria nesta zona, facilitando a entrada e saída diaria de centos de vehículos que asisten ao recinto educativo e social dependente da Deputación de Pontevedra.

O vicepresidente provincial César Mosquera, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e os deputados provinciais Eva Vilaverde, responsable do Centro, e Uxío Benítez inauguraban este xoves a obra. Trátase dunha rotonda que obriga a reducir a velocidade neste tramo a través de diversos dispositivos instalados na calzada, de forma que permiten un acceso peonil seguro ao recinto. "Había problemas de circulación e  non había por  onde pasar andando", sinalaba  Vilaverde, que manifestou que esta obra dignifica a actividade que se desenvolve no Príncipe Felipe ao proporcionarlle luz e modernidade. 

César Mosquera sinalaba que ata a construción da glorieta rexistrábase o paso de vehículos ante as instalacións a velocidades superiores a 70 quilómetros por hora. O vicepresidente provincial destacou o traballo desenvolto polo arquitecto Jesús Fole e polo xefe de obra, o enxeñeiro da Deputación, Jaime Ruibal.

Neste sentido, Mosquera destacou a presenza dunhas luminarias únicas que serán referente para outros espazos públicos. Trátase duns  cilíndros verticais que evitan brazos e extensións invasivas, un prototipo único inspirado nos instalados na rúa Luís  Rocafort de Sanxenxo. Ademais destacou a obra realizada na construción da caseta de control de acceso ás instalacións, que ofrece unha imaxe moderna e útil. O portal de entrada deseñado en forma curva tamén foi outro dos aspectos destacados polo político nacionalista.

Mosquera indicou tamén que está previsto que proximamente se aborde a mellora da estrada no seu tramo inferior para enlazar coa rolda este e tamén en dirección ao Hospital Montecelo.

Por último, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores destacaba a parte non visible da obra que se centra na instalación de canalizacións de servizos, con liñas de electricidade e telecomunicacións soterradas, recollida de pluviais, abastecemento e saneamento. Obras que, segundo sinalou, deste xeito non será necesario volver afrontar cando se realicen os accesos ao Gran Montecelo.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora