Máis de 5.100 persoas maiores de 60 anos, citadas a vacinarse este luns na área sanitaria

Pontevedra
10 de maio 2021

Durante a xornada do domingo chegaron a rexistrarse colas que ían desde a porta do Recinto Feiral ata a rotonda de Pasarón con persoas que afirmaban ter agardado na rúa máis de media hora antes de que se lles administrara a vacina

Colas no exterior do Recinto Feiral para vacinarse
Colas no exterior do Recinto Feiral para vacinarse / Cristina Saiz

Este luns, segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade, está previsto que se vacinen máis de 5.100 persoas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Desta forma, no Recinto Feiral de Pontevedra citáronse a 1.460 persoas na sesión da mañá. Trátase de poboación con idades comprendidas entre os 60 e os 69 anos, á que se lle administrará a vacina AstraZeneca.

Durante a tarde, convocouse a 300 persoas, con idades que van dos 60 aos 65 anos, que tamén recibirán a vacina de procedencia británica.

En Vilagarcía foron citadas para a mañá deste luns a 1.705 persoas e pola tarde a 1673. Todas elas contan cunha idade que se atopa entre os 60 e os 69 anos e en todos os casos administrarase AstraZeneca.

COLAS NO RECINTO  FEIRAL

Ao longo da xornada do domingo, entre as 09.00 e as 14.00 horas foran convocadas 1.960 persoas con idades de entre 70 e 79 anos, que foron vacinadas con Pfizer no Recinto  Feiral de Pontevedra.

Ao redor do mediodía, as colas estendíanse desde a entrada cruzando toda a zona do aparcadoiro ata dar a volta ao recinto nunha xornada desapracible, o que molestou a algúns dos usuarios que indicaban a PontevedraViva que esperaran ao redor de media hora á intemperie antes de que se lle inoculara a vacina.

En Vilagarcía de Arousa, tamén durante esta xornada, en horario matinal, foran convocadas 331 persoas, coa mesma idade, para subministrar a vacina Pfizer.