O Servizo Galego de Saúde (Sergas) empezará este martes a administrar a vacina de Pfizer a persoas menores de 60 anos. A este colectivo xa o empezaran a vacinar con AstraZeneca, pero a inoculación tivo que suspenderse ao pasar a recomendarse esa vacina só para maiores de 60 e agora retómase.
Neste caso, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés están citadas un total de 3.900 persoas en centros de vacinación masiva durante toda a xornada.
En concreto, segundo as previsións do Sergas, este martes están citadas no recinto feiral de Pontevedra 2.800 persoas menores de 60 anos, 1.800 en horario de mañá e 1.000 pola tarde.
Outras 1.100 persoas están citadas no recinto feiral de Fexdega, en Vilagarcía de Arousa. Son 600 en horario de mañá e 500 pola tarde.
Este luns, segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade, está previsto que se vacinen máis de 5.100 persoas na área sanitaria, todos eles maiores de 60 e para a inoculación da vacina de AstraZeneca.