Máis de 500 profesionais da enfermaría galega danse cita no Pazo da Cultura

Pontevedra
10 de maio 2024

Analizaronse casuísticas clínicas e asistenciais relacionadas coas atencións de feridas e lesións cutáneas en pacientes neonatos e de avanzada idade

Público asistente á VII Xornada de Enfermaría
Público asistente á VII Xornada de Enfermaría / Sergas

Máis de 500 profesionais da enfermaría de toda Galicia déronse cita hoxe no auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra no marco da VII Xornada de Enfermería.

Baixo o título “Lesións relacionadas coa dependencia” analizaron durante este venres diversas casuísticas clínicas e asistenciais relacionadas coas atencións de feridas e lesións cutáneas en pacientes neonatos e de avanzada idade.

A xornada comezou coa inauguración oficial, a cargo do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias; a directora de Enfermaría desta área de saúde, Concepción Abellás Álvarez e o presidente do comité organizador deste evento, José Manuel Rosendo Fernández.

Ponentes coma o doutor José Javier Soldevilla Agreda, o propio José Manuel Rosendo Fernández, Ana Calvo Pérez ou o doutor Pablo García Molina expuxeron diversos enfoques terapéuticos, preventivos e de seguemento para tratar con éxito diversas lesións cutáneas que frecuentemente xorden entre o colectivo de pacientes con dependencia, con especial incidencia entre recén nados ou doentes en idade xeriátrica.

Así mesmo, analizouse a vixencia e os futuros retos do programa 'Úlceras Fora' do SERGAS e do Manual de coidados e prevención de lesións cutáneas relacionadas coa dependencia, ferramentas de axuda para aquelas persoas que afrontan a tarefa de coidar a pacientes en situación de dependencia.

Durante esta Xornada distribuíuse entre os asistentes información técnica do Servizo Galego de Saúde con recomendacións de combinacións de apósitos do catálogo de produtos para efectuar curas de feridas e lesións cutáneas en ambiente húmido.