Máis de 60 vivendas históricas serán rehabilitadas con axudas públicas

Pontevedra
20 de abril 2016

O Concello de Pontevedra celebrou nestes días a comisión de valoración das axudas presentadas á rehabilitación de edificios e vivendas nos conxuntos históricos de Pontevedra e Estribela, na que se acordou conceder axudas a máis de 60 vivendas

Centro histórico de Pontevedra
Centro histórico de Pontevedra

O Concello de Pontevedra celebrou nestes días a comisión de valoración das axudas presentadas á rehabilitación de edificios e vivendas nos conxuntos históricos de Pontevedra e Estribela, na que se acordou conceder axudas a máis de 60 vivendas. 

Na Área de Rehabilitación Integral (ARI) do centro histórico aprobáronse 41 actuacións (primeiras vivendas ou en aluguer) cun orzamento de 544.362,86 euros, e un importe total da subvención de 149.167,58 euros.

Na Área de Rehabilitación Integral do núcleo de Estribela, que este ano chega á súa sexta fase, aprobáronse 21 actuacións, con orzamento de 20.919,41 euros, e un importe subvencionable de 7.321,79 euros. 

Cabe lembrar que con cargo a estas subvencións, no centro histórico estaba previsto un financiamento de 100 actuacións nas anualidades 2015-2016, e no ARI de Estribela, 58 actuacións de rehabilitación. Dado que non se completaron os totais subvencionables, o Concello ten previsto sacar unha segunda convocatoria destas axudas, probablemente no mes de xullo. 

No ARI do centro Histórico presentáronse 16 solicitudes, e cumpriron todos os requisitos 12 expedientes que serán aprobados na próxima Xunta de Goberno. No caso do ARI de Estribela, presentáronse 5 solicitudes das cales serán aprobadas 3. Os expedientes que quedaron fóra están pendentes de adxuntar nova documentación. 

A axuda económica para a primeira fase consistirá nunha subvención por un importe máximo do 35% do custo subvencionable das actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas que se realicen, e cunha contía máxima por vivenda obxecto de rehabilitación de 11.000 euros. 

Con estas axudas poderanse acometer calquera tipo de rehabilitación da vivenda ou dos edificios (agás acabados e decoración). Entran nestes proxectos obras de adaptación á normativa; eficiencia enerxética ou espazos comúns dos edificios.