O ámbito de Santa María reformarase con cargo á ARI do centro histórico

Pontevedra
25 de abril 2016

Dúas rúas da contorna de Santa María serán rehabilitadas de forma integral grazas ao ARI do centro histórico, segundo explicou este luns o portavoz do goberno municipal, Raimundo González. Trátase de Tristán de Montenegro e Pratería Vella, cuxas obras se licitarán en próximas semanas tras a aprobación da Xunta de Goberno

Basílica de Santa María
Basílica de Santa María / Mónica Patxot

Dúas rúas da contorna de Santa María serán rehabilitadas de forma integral grazas ao ARI do centro histórico, segundo explicou este luns o portavoz do goberno municipal, Raimundo González. Trátase de Tristán de Montenegro e Pratería Vella, cuxas obras se licitarán en próximas semanas tras a aprobación da Xunta de Goberno.

Ambas as rúas son perpendiculares a Isabel II.

En Tristán de Montenegro investiranse 88.643,82 euros, mentres que en Pratería Vella o orzamento de licitación é de 92.623,31 euros.

Na rehabilitación integral destas dúas rúas actuarase en superficie e tamén baixo terra coa renovación de todos os servizos.

O ARI tamén permitirá dotar ao xacemento arqueolóxico de Valentín García Escudeiro dun peche perimetral definitivo. Nel investiranse 47.000 euros e permitirá, segundo Raimundo González, poñer en valor os restos achados na zona e mellorarase a iluminación.

Ademais, en Estribela as actuacións do seu respectivo ARI permitirán obras de reforma na Rúa do Mercado por 24.800 euros e concluír os traballos en Marqués de Valterra, onde se investirán 31.250 euros.

ADXUDICACIÓN DE SEGUROS

A Xunta de Goberno adxudicou, pola súa banda, o contrato para o seguro de responsabilidade civil do Concello de Pontevedra, que xestionará a compañía Zurich por 57.364 euros ao ofertar unha redución do 40% no prezo de licitación; e do seguro de vehículos, que gañou a empresa MGS Seguros ao presentar unha oferta de 49.497 euros e que cubrirá tamén danos por incendio, roubo ou indemnizacións por perda do carné de conducir.