Máis de 8.000 escolares participaron este 2020 en actividades do Plan Revitaliza

Pontevedra
12 de decembro 2020

Este venres celebrábase o Congreso Escolar de Compostaxe, coa participación de centros escolares de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Ponteareas e Silleda. Carmela Silva e César Mosquera, presidenta e vicepresidente provinciais, inciden na importanica de divulgar a educación ambiental sobre compostaxe nos colexios

Escolares do EEI Verducido realizando actividades do Plan Revitaliza
Escolares do EEI Verducido realizando actividades do Plan Revitaliza / Deputación Provincial de Pontevedra

As propostas do Plan Revitaliza destinadas a escolares chegaron este 2020 a máis de 8.000 menores da provincia, a pesar das circunstancias marcadas pola pandemia. Desde a Deputación Provincial, tanto a presidenta Carmela Silva como o vicepresidente César Mosquera consideran un éxito estes resultados. 

A pesar de que o terceiro trimestre do pasado curso non foi operativo, celebráronse 420 talleres para 9.628 menores e no primeiro trimestre do actual curso realizáronse 138 actividades destinadas a 2.055 escolares.

Durante o cuarto Encontro de Educación Ambiental sobre compostaxe celebrada este venres tratáronse estes datos nunha cita que se realizou de maneira telemática coa participación de centros de ensino de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Ponteareas e Silleda. 

Carlos Vales, director do Ceida (Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga), destacaba a adaptación das persoas encargadas de trasladar as ideas do programa Revitaliza nos colexios. E aseguraba que cando se recupere a normalidade realizarase un esforzo para potenciar esta iniciativa.

César Mosquera, impulsor do plan Revitaliza no ano 2015, entende que o traballo nas escolas é básico para que o plan de compostaxe se instale con éxito en toda a provincia. Afirmou que o programa está a ser un exemplo na Unión Europea e noutros ámbitos internacionais.

Tamén a presidenta provincial Carmela Silva recoñeceu o traballo desenvolvido polo Ceida ao entender que é un instrumento fundamental para trasladar este proxecto aos centros de ensino para que se estableza un compromiso entre a mocidade e cambiar hábitos no tratamento dos residuos.

Durante a sesión, mostráronse os traballos realizados a través de vídeos gravados durante as últimas semanas en relación co coidado da natureza, a reciclaxe e a compostaxe. Entre os centros, atopábase o E.E.I. Verducido de Pontevedra, que participa no Programa Educativo desde o principio e cuxo alumnado falou dos composteiros situados no colexio e da horta creada.

C.E.P. Plurilingüe Riomaior de Vilaboa, que tamén se atopa totalmente involucrado no Plan Revitaliza, creou a Cooperativa Riomaior para realizar artesanías cos refugallos e obter diñeiro para autofinanciar as súas actividades, doando a ONGs o resto do recadado co seu proxecto.