Tres centros do municipio participan esta última semana de febreiro nas actividades do Plan Revitaliza, que impulsa a Deputación de Pontevedra, ao que se atopa adherido o Concello de Poio.
A proposta contempla charlas e actividades de lecer educativo para difundir os beneficios do tratamento do lixo orgánico. Integrantes do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) son os encargados de desenvolver estas accións.
Este luns comezaron no IES de Poio con iniciativas como unha sesión na que se explican as pautas para identificar invertebrados presentes nun composteiro e coñecer as súas funcións no proceso.
Este martes, a actividade trasládase ao CEIP Chancelas, onde a través do Xogo da Miñoca, mostrarase ao alumnado de Primaria como este procedemento é beneficioso desde un punto de vista ambiental. O CEIP de Lourido acollerá as sesións o mércores e o xoves, que xa contou cunha sesión de montaxe dun composteiro. O venres finalizarán as sesións, de novo, no CEIP Chancelas.