Poio amplía o composteiro de Ferreirós e colocará novos en San Salvador

Poio
01 de marzo 2021

Os operarios municipais xa teñen listas as bases que sustentarán os novos depósitos, que serán enviados nos próximos días pola Deputación

Chelo Besada e Gregorio Agís visitan un composteiro en Poio
Chelo Besada e Gregorio Agís visitan un composteiro en Poio / Concello de Poio

A parroquia de San Salvador, en Poio, pasará a contar nos próximos días con novos composteiros. Ademais o da contorna de Ferreirós será ampliado.

A concelleira de Servizos, Chelo Besada, visitou este luns o lugar acompañada do edil de Urbanismo, Gregorio Agís, para explicar que "dada a gran resposta por parte da cidadanía á hora de facer uso destas instalacións, entendemos que é necesaria esta ampliación". Esta razón xustifica tamén a decisión de implantar novos equipos noutros puntos da parroquia.

Nos últimos días, os operarios municipais finalizaron os traballos para a posta a punto das bases destes composteiros. Agora permanecen á espera da Deputación para recibir os novos depósitos. 

Lembran desde o goberno local que os rexistrados no programa de compostaxe poden poñerse en contacto coa mestra composteira ou o Concello para recibir o seu saco de compost.