Xa funciona o segundo centro de compostaxe comunitario da parroquia de San Salvador

Poio
20 de abril 2021

A veciñanza pode empregar deste servizo na Rúa Valiña e, deste esta mesma semana, tamén se pon en marcha outro composteiro comunitario na rúa Río Miño

Estrea do composteiro da Rúa Valiña
Estrea do composteiro da Rúa Valiña / Concello de Poio

A tenente de alcalde do Concello de Poio e responsable da área de Obras e Servizos Municipais, Chelo Besada, visitou este martes o centro de compostaxe comunitario situado na Rúa Valiña, que acaba de entrar en funcionamento.

Deste xeito, o núcleo da parroquia de San Salvador xa conta con dous dispositivos destas características, logo da inauguración do situado en Ferreirós, que leva operativo desde outubro do 2020 e que recentemente foi ampliado, dada a gran resposta no seu uso por parte da veciñanza.

A concelleira do PSdeG-PSOE, que estivo acompañada polo titular de Urbanismo, Gregorio Agís, comprobou que durante esta primeira xornada de actividade o composteiro xa recibiu aos primeiros usuarios. Tamén foron varias as persoas que se achegaron ata a zona para solicitar información á mestra composteira. A cada un deles entregóuselles folletos informativos, ademais dunha bolsa ecolóxica como agasallo.

A maiores, habilitáronse uns paneis, cedidos pola Deputación de Pontevedra, a través dos cales se recollen os pasos a seguir para levar a cabo o proceso de compostaxe de xeito correcto, ademais das súas vantaxes e beneficios. Precisamente, esta iniciativa é unha realidade grazas á adhesión do Concello ao Plan Revitaliza, impulsado desde a máxima institución provincial.

Por outra banda, a tenente de alcalde socialista anunciou que esta mesma semana tamén pasará a estar operativo outro composteiro comunitario en San Salvador, concretamente na rúa Río Miño. A concelleira de Obras e Servizos incidiu en que a dotación destes composteiros comunitarios vén dada "pola gran resposta da cidadanía á hora de facer uso destas instalacións, o que fala ás claras do seu interese e compromiso co medio ambiente".

Besada tamén recorda que o Concello pon a disposición de todas as persoas interesadas sacos de compost. Darase prioridade aos xa están rexistrados como usuarios do compost comunitario, pero a oferta esténdese á veciñanza de todas as parroquias do municipio.

Para dispor del, basta con poñerse en contacto telefónico coa mestra composteira, a través do número de teléfono 604025288, en horario de 8.30 a 14.30 horas.

O obxectivo da Concellería de Obras e Servizos é continuar implantando e fomentando esta práctica en todo o territorio municipal. Para iso tamén se destinarán 100.000 euros na compra de composteiros individuais, a través do remanente de tesourería correspondente ao ano 2020.