Máis de medio milleiro de persoas visitaron o 'Punto lila' durante a fin de semana das festas de San Xoán

Poio
03 de xullo 2022

A tenente de alcalde e responsable deste departamento municipal, Silvia Díaz (Avante Poio), salienta a boa acollida que tivo a campaña "Festas de Poio Seguras" e destaca a ausencia de incidencias. Máis do 75% das persoas que foron asesoradas polas técnicas de Igualdade no punto informativo foron adolescentes

'Punto lila' habilitado polo Concello de Poio nas festas de San Xoán Concello de Poio

"A campaña Festas de Poio Seguras acadou unha estrea nos festexos de San Xoán que resultou moi positiva", segundo valora o goberno local.

O 'Punto lila' habilitado nas inmediacións da explanada da Seca durante as noites do 25 e do 26 de xuño, coincidindo cos concertos das orquestras Panorama, Capitol e París de Noia, prestou asesoramento a máis de medio milleiro de persoas de diferentes idades.

"Ademais, non se rexistrou ningunha incidencia", sinala a tenente de alcalde e concelleira de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), que lembra que esta iniciativa, que terá continuidade o 26 e 27 de agosto durante o Festival Armadiña Rock de Combarro, ten como obxectivo ofrecer información e asesoramento sobre prevención de violencias machistas e de promoción da igualdade.

En concreto, foron 547 as persoas usuarias que recibiu o 'Punto Lila'. Segundo o informe elaborado polo Centro de Información á Muller (CIM), rexistrouse unha maior actividade durante a madrugada do 25 ao 26 de xuño, cun total de 406 visitas ao punto informativo. A segunda noite, a afluencia foi de 141.

Unha das cuestións nas que fai fincapé a responsable de Igualdade é no feito de que máis do 75% das persoas que solicitaron información corresponden a adolescentes. 

"Para nós é moi importante que a mocidade se implique neste tipo de iniciativas e sexa parte activa na loita pola erradicación de comportamentos machistas", indica Silvia Díaz. Ademais, nesas dúas noites tamén houbo xente maior de 60 anos que se achegou ata o ‘Punto lila’.

"Todas estas persoas recibiron información acerca dos recursos existentes e sobre como hai que detectar e actuar ante unha agresión sexista", explicou a tenente de alcalde.

A maiores, as técnicas de Igualdade repartiron vasos reutilizables e pulseiras reflectoras co lema da campaña Festas de Poio Seguras. Todo este material inclúe un código QR impreso, a través do cal, mediante o uso de dispositivos móbiles, os usuarios poden acceder a un espazo habilitado na páxina web do Concello de Poio, no que se ofrece un decálogo de identificación e actuación ante comportamentos sexistas, así como de información de contacto e recursos de interese.

Outro aspecto a salientar é que aproximadamente un 64% do asesoramento realizouse a mulleres (364 usuarias), e un 36% a homes (193).

"En liñas xerais, a xente amosou a súa satisfacción por poder contar con este servizo durante as festas", salienta Silvia Díaz, que engade que "tanto entre a adolescencia como entre a xente adulta e maior detectamos un claro rexeitamento contra as agresións sexistas". É por iso polo que a tenente de alcalde amosa a súa satisfacción polo resultado desta primeira toma de contacto da campaña.

"Temos claro que os ‘Puntos lila’ son moi necesarios no ámbito da prevención, toda vez que contribúen a que todas as persoas poidan gozar con seguridade nos espazos de lecer, fomentando deste xeito un contexto de igualdade", finalizou.

Cómpre lembrar que, durante o Armadiña Rock, o 'Punto lila' que se instalará na Praza da Chousa estará operativo entre as 22.00 e as 2.00 horas do día seguinte. Tamén haberá, a maiores, outro punto de encontro no espazo de acampada que se habilitará na Seca. Neste caso, cun horario de 19.00 a 22.00 horas.

A realización desta campaña enmárcase dentro do IV Plan de Igualdade do Concello de Poio e conta con financiamento obtido dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia 22/23.