Máis de vinte proxectos optan a dar forma ao novo espazo do emprendemento local

Pontevedra
21 de abril 2016

Un total de 21 proxectos presentaron ideas na convocatoria do proxecto 'Espazo CreActivo', destinada á humanización, dotación de contidos e melloras do edificio municipal sito na rúa Santa Clara, concebido como novo 'berce' do emprendemento en Pontevedra  

Edificio municipal de Santa Clara Mónica Patxot

Un total de 21 proxectos presentaron ideas na convocatoria do proxecto 'Espazo CreActivo', destinada á humanización, dotación de contidos e melloras do edificio municipal sito na rúa Santa Clara, concebido como novo 'berce' do emprendemento en Pontevedra.

A convocatoria é unha iniciativa proposta dende Concellería de Promoción da Cidade en colaboración coa Vicerreitoría do Campus de Pontevedra co obxectivo de unir e enriquecer aos participantes e ao tecido emprendedor da propia cidade.

No período de presentación de ideas, os alumnos de grao e posgrao do campus de Pontevedra tiveron oportunidade de visitar as instalacións para que inspirasen as súas propostas e adaptar ao máximo posible as súas ideas ao espazo dispoñible, comentar dúbidas e consultar diversos aspectos da convocatoria.

Entre os 21 proxectos presentados a través da plataforma dixital habilitada ao efecto, as aportacións son heteroxéneas. Agora as ideas participantes na convocatoria serán valoradas por un xurado independente, conformado por Anabel Gulías, Anxos Riveiro e Antón Prieto por parte do Concello de Pontevedra; Alberto Dafonte, membro do persoal docente da Universidade de Vigo e Elisa Díaz e María Novas, como arquitectas e profesionais no campo da dinamización de espazos colectivos de traballo.

Recibirán e valorarán os proxectos de xeito individual nunha primeira volta e porán en conxunto as súas impresións en torno ao 15 de maio, data na que se fará pública a súa deliberación e, polo tanto, os proxectos seleccionados.

As ideas premiadas serán levadas a cabo polos gañadores nunha segunda fase de desenvolvemento dos proxectos e de implementación práctica dos mesmos. Para iso os participantes contarán co apoio e tutoría dunha serie de empresas que se atopan dentro de 'Pontevedra ten un puntazo' e que serán elixidas en función do tipo de proxectos e as necesidades dos mesmos.