Máis do 21% das probas de cribado no Vao resultaron positivas por covid

Poio
07 de febreiro 2021

O cribado poboacional realizado polo Servizo Galego de Saúde entre 18 e o 21 de xaneiro no Vao detectou un total de 71 positivos en coronavirus, o que fixo disparar as estatísticas de afectación no municipio

Cribado da poboación do Vao, en Poio
Cribado da poboación do Vao, en Poio / Mónica Patxot

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés tardou varias semanas en facer públicos os resultados do cribado poboacional realizado polo Servizo Galego de  Saúde no Vao, Poio, entre o 18 e 21 de xaneiro.

Finalmente Sanidade confirmou que durante eses días realizáronse 327 probas á poboación da zona, sendo citados 447 veciños.

O sorprendente dos datos é a alta positividade detectada, e é que as probas PCR confirmaron ata 71 infeccións de coronavirus neste cribado.

Por tanto a taxa de positividade foi do 21,71%, máis elevado do que é habitual pero algo esperado, xa que as estatísticas durante esas xornadas se  disparaon no municipio de Poio levando a incidencia acumulada no municipio por riba do nivel extremo de 1.000 casos por cada 100.000 habitantes.

A domingo 7 de febreiro Poio conta con 361 casos activos de covid, tres menos que o sábado. Isto supoñen 301 casos nos últimos 14 días cunha incidencia acumulada de 1.763.