Máis dun millón de euros investiranse nas próximas actuacións urbanas en Marín

Marín
29 de xuño 2017

O Concello de Marín ten en carteira varias actuacións urbanas que xa están preparadas para levalas a cabo e que no seu conxunto suman máis dun millón de euros en investimentos financiados pola Deputacion, a Xunta e o Concello

María Ramallo, alcaldesa de Marín Cristina Saiz

Nas próximas semanas iniciaranse e contrataranse no Concello de Marín varias actuacións urbanas que xa están preparadas para levalas a cabo e que no seu conxunto suman máis dun millón de euros en investimentos, financiados pola Deputacion, a Xunta e o Concello.

Son a pavimentación da rúa Recamán, a humanización da rúa Concepción Arenal no tramo de Jaime Janer a Roda, a humanización da travesía de Jaime Janer, a finalización de Ponte Zapal e a humanización da rúa José del Río.

Algunhas destas actuacións xa están adxudicadas, outras están próximas a adxudicarse, outras en marcha e outras no inicio da contratación.

Todas teñen en común que levan o cambio dos servizos e redes públicas, que conectan moitas vivendas. 

Desde o goberno local de Marín destacan que as recentes reformas no casco antigo e nas rúas máis céntricas "melloran considerablemente a calidade urbana dos que viven e frecuentan estas contornas".

Estas cinco actuacións serán executadas neste último semestre do ano, dentro do ano 2017.