Soutomaior acolleu esta fin de semana unha edición moi especial do Certame da Camelia, de volta á orixe, que se desenvolveu na Casa do Pobo do Val Sobral, onde tivo lugar a entrega de premios e o concerto da Coral Polifónica de Soutomaior.
A XXIII edición deste Certame contou con premios económicos en todas as categorías.
A concelleira de Promoción Económica, Hostalería e Comercio, Rosana Comesaña, fixo entrega dos premios aos mellores Escaparatares que recaeron: 5º premio: Costureiras; 4º premio: Moda Infantil Rapaces; 3º premio: Restaurante Muxica; 2º premio: Neumáticos Arcade e 1º premio: Peña de Francia.
A concelleira de Cultura, Turismo e Memoria, Silvia Cernadas fixo entrega dos galardóns na modalidade de Expositores: 5º premio: Asociación Cultural e Artísitica das Mulleres do Rural de Soutomaior; 4º premio: Alba Romero Maestu; 3º premio: Olalla Castrillo Sánchez; 2º premio: Eva Martínez Seoane e 1º premio: Asociación Veciñal San Benito de Romariz.
Foi o alcalde, Manu Lourenzo, o encargado de facer entrega dos Premios aos centros escolares: 3º premio: Escola Educación Infantil de Romariz; 2º premio: Colexio Santiago Apóstol e 1º premio: CEIP Manuel Padín Truitueiro.
E tamén Manu Lourenzo fixo entrega o Premios á inclusión ao Centro de día Boas Apertas, e o premio especial "Lelita Gradín" que o levou Elena Varcárcel Baqueiro.
A concelleira Silvia Cernadas dixo que se tratou dunha "edición moi especial onde decidimos voltar onde todo comezou hai 22 anos na casa do Pobo do Val-Sobral e quixemos facer unha edición co espírito co que naceu o Certame da Camelia que foi a implicación veciñal, do comercio e hostalería local, complementándoa cunha serie de actividades paralelas en torno ao mundo da Camelia".
Pola súa banda Rosana Comesaña agradeceu "a colaboración do comercio e hostalería pola súa implicación e traballo nesta edición da Camelia, eles fan posible que o ambiente se viva durante días no concello, e incluso os máis fans desta flor realizan rutas e visitas aos escaparates que locen os comercios e cafeterías e restaurantes durante estes días de celebración".
O alcalde, Manu Lourenzo, amosouse satisfeito co resultado final desta edición da Camelia "un ano máis o noso concello convértese nun punto de referencia grazas a esta flor tan nosa, unha flor que tanto simboliza e evoluciona coa paso do tempo. Unha flor que convida ao noso concello a todas aquelas persoas que sente curiosidade pola camelia ou que queren estar presente unha vez máis neste Certame para visitar os postos expositores nos que se presentan tantas novidades cultivadas nas terras galegas".
Entre as accións incluídas neste Certame da Camelia 2025 estaban: Exposición de flores e composicións de Camelia que se realizaron nos centros educativos do municipio, nos escaparates dos comercios e establecementos e na Casa do Pobo do Val-Sobral; actividades complementarias de dinamización entre as que destacaron unha sesión de contacontos centrada na camelia, a realización dun mural creativo- colectivo "Camelias artísticas", actividade de relaxación con aceite de Camelia ou o concerto da Coral de Soutomaior que este domingo clausurou este Certame.