A sétima edición dos Bonos Activa Comercio tivo unha gran acollida no seu primeiro día de funcionamento.
Así o asegura a Xunta de Galicia, desvelando que ás 9.00 horas deste xoves descargáronse ao redor de 167.400 bonos en toda Galicia.
En toda a comunidade son máis de 6.500 os negocios adheridos até o momento, e levan trocado ao redor de 1,3 millóns de euros en descontos, cunha mobilización total de vendas que supera os 5,7 millóns de euros.
No que respecta á provincia de Pontevedra hai preto de 2.400 comercios participantes, nos que levan trocado ao redor de 525.000 en descontos, cunha mobilización total de vendas de 2,3 millóns de euros.
Son datos ofrecidos polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, nunha visita este xoves a un establecemento comercial da Boa Vila.
"Demostraron ser un éxito absoluto e axudan os pequenos comerciantes a manterse competitivos", asegura Reguera.
Os Bonos Activa Comercio pódense utilizar desde onte en calquera dos establecementos adheridos. A lista de negocios vinculados así como toda a información e a explicación paso a paso para descargar os bonos pódese atopar na web www.bonosactivacomercio.gal.
A iniciativa autonómica conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, cos que a Xunta espera xerar 8,5 millóns en vendas axudando ás familias e promocionando o comercio de proximidade.
Os bonos teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe vaise reducindo en función do valor da compra.
Ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros correspóndelle un desconto de 5 euros. Ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros.
A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.