Máis dun millón de euros para converter a antiga gardaría de Campelo en centro de maiores

Poio
25 de outubro 2025

O Concello de Poio solicitará fondos ao Plan Provincial Extraordinario da Deputación de Pontevedra para converter en realidade o proxecto

Proxecto de centro de maiores na antiga gardería de Campelo Concello de Poio

A Xunta de Goberno Local do Concello de Poio ten previsto aprobar durante a última semana de outubro o proxecto para transformar a antiga gardaría de Campelo nun centro de atención a persoas maiores.

Este proxecto, avanza o goberno local, fixa en máis dun millón de euros o custo para poder convertelo en realidade.

Ademais de proporcionar un espazo para a atención integral das persoas maiores do municipio, contará cunha sala multiusos e unha ampla zona verde de esparexemento con áreas de xogo.

Terá, explica o Concello, un campo de petanca, un xogo tradicional da ra e varias mesas de xadrez e parchís.

"O obxectivo é reforzar a rede de servizos sociais de proximidade, mellorar a calidade de vida da nosa poboación maior e contribuír á cohesión territorial e demográfica", afirma o alcalde, Ángel Moldes.

O novo centro ofrecerá programas de estimulación cognitiva, rehabilitación, servizo de cociña e comedor adaptado, transporte e acompañamento, entre outros.

Para levar a cabo o proxecto o Concello de Poio confirma que solicitará fondos do Plan Provincial Extraordinario da Deputación de Pontevedra.

A administración local adquiriu a antiga gardaría de Campelo a principios de 2024 nunha operación valorada en 300.000 euros, e con este trámite dá un novo paso para cumprir "un compromiso adquirido cos veciños e veciñas de Poio".

Moldes destacou a necesidade de acometer esta reforma para adaptar os equipamentos públicos á realidade demográfica de Poio, onde máis do 20% da pobloación é maior de 65 anos e 1.000 veciños superan os 80 anos.