Máis seguridade para peóns e escolares no cruce de Lantaño

Umia
22 de abril 2026

A actuación, financiada pola Deputación de Pontevedra, supuxo un investimento de algo máis de 48.000 euros

Visita á reforma do cruce de Lantaño Concello de Portas

O cruce de Lantaño, no concello de Portas, presenta xa unha nova imaxe tras o remate das obras de humanización e mellora da seguridade viaria na estrada EP-8004, que conecta Caldas de Reis con Vilanoviña.

A actuación, financiada pola Deputación de Pontevedra, supuxo un investimento de algo máis de 48.000 euros e permitiu actuar nun punto considerado especialmente delicado pola veciñanza.

O alcalde, Ricardo Martínez, visitou a zona acompañado da deputada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade, Belén Cachafeiro, e do tenente de alcalde, Alfonso Vázquez, para comprobar o resultado final das obras.

Os traballos centráronse en mellorar a seguridade nun cruce que viña rexistrando problemas de visibilidade e manobras complexas.

Para iso, reorganizouse a circulación co obxectivo de facilitar o campo visual dos condutores, reducir situacións de risco e facer máis fluído o tráfico nunha vía moi utilizada pola veciñanza da parroquia.

Un dos cambios máis visibles é a intervención na parada de autobús, que foi reformulada para gañar en seguridade.

A marquesiña foi reubicada de xeito que a subida e baixada de pasaxeiros se realice fóra da calzada, evitando así situacións perigosas, especialmente en horas de maior tránsito.

Durante a visita, o rexedor destacou que esta actuación "era moi necesaria", con especial mención ao alumnado do CEIP Domingo Fontán, que emprega a diario este punto.

Pola súa banda, a deputada provincial subliñou a importancia da colaboración entre administracións para levar adiante actuacións que, como esta, teñen un impacto directo na calidade de vida da poboación.

Desde o goberno local tamén se incide en que a obra responde a unha demanda veciñal e mellora de forma significativa un punto estratéxico de Lantaño.