Máis seguridade viaria e nova organización dos estacionamentos en Campelo

Poio
10 de agosto 2020

A iniciativa inclúe a dotación dun paso para peóns e supuxo habilitar zonas de servizo para estacionamentos de carga e descarga, o que redundará nunha maior mobilidade do tráfico rodado e tamén servirá para prestar servizo aos establecementos que se atopan nesta zona

Nova imaxe da Travesía das Cachadas, en Campelo
Nova imaxe da Travesía das Cachadas, en Campelo / Concello de Poio

O Concello de Poio dá por rematada unha actuación que responde á petición dos veciños de Campelo: reordenou o tráfico e reforzou a seguridade peonil na Travesía das Cachadas. 

A iniciativa inclúe a dotación dun paso para peóns e supuxo habilitar zonas de servizo para estacionamentos de carga e descarga, o que redundará nunha maior mobilidade do tráfico rodado e tamén servirá para prestar servizo aos establecementos que se atopan nesta zona.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, explicou que se procedeu á sinalización horizontal e pintados e que estas medidas non implican ningún tipo de redución no que ao número de prazas de estacionamento ordinario se refire.

O Concello enmarca este proxecto na súa liña de traballo de acometer melloras nas vías municipais que sirvan para aliviar a situación do tráfico e reforzar a seguridade viaria, especialmente para os peóns. A semana pasada xa se levou a cabo unha actuación moi similar na rúa da Igrexa, na parroquia de Raxó, onde tamén se ordenaron as prazas de aparcamento e se aplicaron medidas en favor dos peóns.