A CIG anuncia mobilizacións semanais en Galicia paramellorar as condicións laborais e salariais nas residencias privadas de maiores
O sindicato anunciou este luns en rolda de prensa un calendario de mobilizacións que comezará este martes 5 de novembro, ás 11:30 horas, diante da residencia Domus VI de Pontevedra, na Rúa Loureiro Crespo.
Segundo o sindicato, a última proposta presentada nas negociacións do convenio foi rexeitada en asemblea por considerala "unha tomadura de pelo", segundo Iván Veiga, secretario comarcal de CIG-Servizos.
As protestas, que se prolongarán ata mediados de decembro, celebraranse semanalmente por toda Galicia coa previsión de novas convocatorias na zona do Salnés.
Esta decisión foi adoptada despois de que, tras seis reunións de negociación iniciadas en febreiro, as condicións propostas pola patronal foran consideradas "moi negativas tanto a nivel económico como social".
Un dos puntos máis polémicos é a oferta de incremento salarial, que quedaría apenas 10 euros por riba do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) para o próximo ano, e con catro categorías profesionais (recepcionistas, cociñeiras, limpadoras e animadoras socioculturais) que aínda estarían por debaixo do SMI.
Ademais das demandas salariais, a CIG denuncia as condicións de traballo actuais que afectan á saúde e benestar das traballadoras.
Entre as principais queixas figuran as xornadas anuais de 1.762 horas, coas traballadoras podendo ser obrigadas a traballar seis días á semana con tan só un día de descanso, sen opción de reducir a xornada.
Segundo indican en residencias como Domus VI a compensación dos festivos tamén é ineficiente, xa que as empresas non lles ofrecen descanso en compensación, convertendo eses días en tempo non recoñecido como xornada efectiva.

No plano político, o sindicato criticou o modelo privatizador do Partido Popular na Xunta de Galicia, que, segundo a CIG, fomenta a entrada de fondos de investimento e capital privado, á custa de precarizar as condicións laborais.
Destacaron que o 90% das prazas nestas residencias están subvencionadas pola Xunta, e instaron á administración autonómica a mediar no conflito.
Outras problemáticas tamén foron expostas nestas residencias de maiores, como a falta de persoal axeitado ao posto de traballo e o incumprimento dos ratios de traballadoras por usuario, situación que se agrava en quendas de noite ou en fins de semana.
Nalgunhas residencias, denuncian que só hai dúas xerocultoras e unha enfermeira para atender a máis de 150 prazas, o que causa unha "atención deficiente", malia o esforzo do persoal.
Ademais, as baixas laborais non son cubertas, aumentando a sobrecarga nas traballadoras activas, que en ocasións son chamadas nos seus días libres para cubrir quendas sen descanso adecuado.
Segundo representantes da CIG e traballadoras de tres empresas xestoras de residencias, a precarización das condicións laborais está a provocar esgotamento físico e mental entre o persoal, con crises de ansiedade e baixas laborais constantes.
"Hai un perfil de xente que contratan; xente que saben que o necesita. E despois chaman á persoa de día libre para cubrir os postos cando hai baixas. Xogan coa empatía da xente", explican as traballadoras para denunciar a situación que consideran abusiva por parte das empresas: "vas porque, se non, sabes que quen o paga son os residentes".
Tamén denuncian que a falta de control por parte da Inspección de Traballo e de resposta por parte das autoridades está a agravar a situación.
Ao compararse co persoal das residencias públicas, estas traballadoras indican que cobran 4.000 euros anuais menos de media e traballan 200 horas máis ao ano.
Tamén sinalan que noutras comunidades autónomas, como no País Vasco, o persoal das residencias privadas cobra o dobre que en Galicia e traballa arredor de 25 días menos ao ano.
Lembran que as residencias privadas para maiores en Galicia teñen un prezo medio para o usuario próximo aos 3.000 euros mensuais.
A mobilización deste martes en Pontevedra abrirá unha serie de protestas que, de non obter resposta, abren a porta ao inicio dunha folga indefinida, segundo anunciaba Iván Veiga.