En Moraña debería haber tres médicos en activo no centro de saúde, pero desde hai tempo só hai dous e, no momento en que un destes colle vacacións ou libra, o municipio queda atendido só por un facultativo. É a denuncia que realiza o Concello de Moraña.
Isto supón que haxa unha atención sanitaria "deficiente" para un municipio como Moraña, con máis de 4.000 habitantes, segundo lamenta o alcalde, José Cela, que trasladou o seu "malestar e descontento" ao novo xerente da área de Pontevedra, José Flores. A todo isto súmase, subliña o rexedor, que a praza que quedou baleira tras a xubilación dun dos profesionais segue sen cubrirse.
"Moitos días só hai un médico traballando", sostén Cela, que esixe que esta situación sexa solucionada polas autoridades sanitarias "canto antes".
"É o Sergas e, por tanto, a Xunta de Galicia, a que ten que xestionar os recursos da nosa sanidade, que agora mesmo está sendo desatendida en Moraña e non podemos seguir admitindo que se manteña esta situación", alega o alcalde.
Cela asegura "entender perfectamente" o malestar que a veciñanza foi trasladando nestes últimos tempos con respecto á atención que se está a prestar no centro de saúde porque "non é un día nin dous, esta situación estase repetindo de xeito reiterado e repetitivo".
A veciñanza de Moraña, reitera o alcalde, "ten dereito a unha sanidade en condicións".
Na conversa mantida polo alcalde co xerente, segundo aseguran desde o Concello, este trasladou que desde a área sanitaria tratarán de resolver o problema á maior brevidade posible.