Malestar entre os pacientes do Centro de Saúde de Anafáns derivados a Combarro

Poio
16 de novembro 2016

A xubilación dunha doutora está a provocar unha situación conflitiva no Centro de Saúde de Anafáns en Poio. A Consellería de Sanidade non ten previsto cubrir a praza nese mesmo centro

Centro de Saúde de Anafáns, Poio
Centro de Saúde de Anafáns, Poio

A decisión por parte da Consellería de Sanidade de non cubrir a praza dunha doutora que se xubilou no Centro de Saúde de Anafáns, en Campelo, Poio, provocou malestar entre os pacientes deste centro. Desde Sanidade remítese a eses pacientes ao Ambulatorio de Combarro onde si se creou a praza. A Consellería indica que os usuarios poden solicitar, se así o desexan, a súa permanencia no centro de Anafáns.

En todo caso, os usuarios destas instalacións mostran o seu malestar xa que, en moitos casos, son pacientes de idade avanzada, que agora se ven obrigados a realizar un desprazamento de varios quilómetros para poder ser atendidos no Ambulatorio de Combarro.

Os veciños teñen previsto manter unha reunión este sábado 19 ante o Centro de Saúde para analizar a situación e tomar unha decisión sobre se adoptan medidas de protesta.