Malestar na desanimada romaría de San Cibrán pola celebración da misa central no interior da capela

Pontevedra
22 de abril 2019

Tradicionalmente, agás en caso de mal tempo, as cerimonias celebrábanse no exterior do santuario. Nesta ocasión, o sacerdote Casimiro Fernández, párroco de Campolongo e debutante nesta romaría, decidiu que o ritual se oficiara no interior. Tampouco houbo megafonía "porque se estropeó", explicou o crego

Romaría e procesión de San Cibrán / PontevedraViva

"Ai, daquela romaría de hai 50 ou mesmo de hai 30 anos xa non queda nada", esta frase e outras similares lembrando os anos gloriosos da romaría de San Cibrán repetíanse ao longo da mañá deste luns na parroquia pontevedresa de Tomeza.

Xa non se ven centos de persoas subindo ao longo de todo o día cara a capela de Lusquiños, non hai mocidade acampada nos arredores do santuario e apenas queda un posto de venda de polbo e outro de rosquillas. Por non haber, nin sequera hai dificultades para aparcar preto do recinto onde se celebra unha festa desanimada.

A esta decadencia súmase agora unha decisión do sacerdote que debutaba este ano nos oficios de San Cibrán. Se tradicionalmente, agás no caso de chuvia, as misas celebrábanse no exterior da capela para que fora seguida polos máis devotos, nesta ocasión, Casimiro Fernández, o párroco de San Xosé de Campolongo, decidiu que o ritual relixioso se levara a cabo no interior do santuario onde apenas hai espazo para acoller os fieis.

No exterior, un grupo aproximado de 50 persoas amosaban o seu malestar pola falta de megafonía que permitira seguir a homilía. "La megafonía se estropeó", indicou o sacerdote cando foi preguntado por PontevedraViva, malia que algúns veciños alegaban que se esquecera o micro. O crego estaba molesto cunha veciña que o increpou pola decisión de desenvolver a misa no interior. "Debe celebrarse en un lugar de recogimiento", indicaba Casimiro Fernández explicando que a festa ten o seu lugar no exterior mentres que o interior é para o acto relixioso.

A cerimonia celebrábase mentres uns operarios golpeaban coas súas ferramentas a estrutura dunha carpa ante a previsión de chuvias durante a tarde. Preto dunha das pequenas ventanas na ermida, tres mulleres tentaban escoitar, con escasa fortuna, algunha pasaxe da misa. "O cura fixo o que tiña que facer", afirmaba un veciño que saía do templo. "La parroquia está dividida desde que estuvo Don José, el anterior sacerdote", confesa unha veciña que intenta disculparse con Casimiro Fernández polas formas nas que algúns dos asistentes se dirixiron ao clérigo reprochándolle os seus novos métodos.

No medio do debate, as poucas persoas que se achegaron este luns de Pascua ata Lusquiños daban as tradicionais nove voltas ao redor da capela e cumprían co ritual de guindar as pedras sobre o tellado.

Para espantar o "meigallo" tamén portaban ramos con follas de olivo, loureiro, romeu, malva rosa e ruda, ademais de circular por debaixo da figura dos santo e pasarlle un pano polo corpo da imaxe para, a continuación, acariñar a cara coa tea. Todo sexa por evitar un mal de ollo que parece revolverse para atacar a festa dun santo que, segundo a tradición, apareceu na entrada da mina da Fonte da Faina.