O Luns de Pascua está marcado na comarca de Pontevedra pola tradición da romaría de San Cibrán, na parroquia de Tomeza. Unha celebración que tivo que suspenderse polas medidas de confinamento que impón o estado de alarma ante o covid-19.
"É unha pena que precisamente hoxe temos un día de sol moi agradable e ademais tiñamos programado para este ano tres días de festa", laméntase o presidente da comisión de festas, Marcial Pazos.
Esta pena compénsase coa tranquilidade de saber que non houbo ningún caso de coronavirus entre os veciños da parroquia de Tomeza e que as medidas de confinamento están a ser efectivas. "Creo que en certo modo o santo está axudando", asegura.
A cancelación da romaría non é definitiva. Unha vez que se levante a prohibición de actos relixiosos e festas, volveránse a reunir os seis integrantes da comisión de festas co párroco de San Xosé de Campolongo, Casimiro Fernández, a quen está adscrita a parroquia de Tomeza, para poder establecer un novo calendario.
A intención é que a romaría se poida celebrar ao longo deste ano, antes dos meses de inverno, en caso contrario, xa se aprazaría ata 2021.
"Temos que pensar primeiro na saúde e despois tamén xestionar o apoio das casas comerciais e os donativos dos veciños", explica Marcial. Non en balde este ano xa tiñan contratadas seis orquestras, carpa, escenario, postos de alimentación e bebidas.
A maiores, unha panadería de Pontevedra ía repartir gratuitamente rosca entre os veciños. "Confiemos en que se poida celebrar porque tivemos moito apoio, tamén das institucións como Concello e Deputación para recuperar a tradición", segundo o presidente da comisión.
San Cibrán é coñecido como o santo que espanta o meigallo ou mal de ollo. Os devotos non poderán cumprir, de momento, co ritual de dar as nove voltas á capela ou bendicir os ramos pero, segundo nos advirte o párroco Casimiro Fernández, o santo segue facendo o seu labor.
"Que nosotros no podamos estar ahí no significa que el santo no rece por nosotros como hace todo el año, hay que tener esa esperanza y esa confianza en Dios y en el santo, que no depende tanto de que nosotros estemos ahí en su santuario, en cuanto que ellos están pidiendo por nosotros", garante o sacerdote.