Pontevedra espallará as súas festas de verán polos barrios e apostará polos artistas galegos

Pontevedra
29 de maio 2020

Haberá festas de verán en Pontevedra. "Sen ningunha dúbida", garantiu a concelleira de Festas, Carme da Silva. Iso si, esquezámonos de anos anteriores. Serán radicalmente diferentes. A pandemia do coronavirus obrigou ao Concello a reprogramar "absolutamente todo"

Segunda xornada de Itineranta 2019
Segunda xornada de Itineranta 2019 / Mónica Patxot

Haberá festas de verán en Pontevedra. "Sen ningunha dúbida", garantiu a concelleira de Festas, Carme da Silva. Iso si, esquezámonos de anos anteriores. Serán radicalmente diferentes. A pandemia do coronavirus obrigou ao Concello a reprogramar "absolutamente todo".

Para evitar as grandes aglomeracións, que non están recomendadas por seguridade, o Concello tivo que adaptar esta programación festiva, que xa estaba pechada desde marzo, a esta 'nova normalidade' imposta polo coronavirus. 

Así, "todo será unha novidade", explicou Da Silva, xa que se manterán todos os eventos previstos, con cambios nos seus formatos, fóra dos grandes concertos da Peregrina.

Pontevedra apostará por unha programación "intensa e simultánea" por toda a cidade. En lugar de concentrar os espectáculos en tres centros de actividade, A Ferrería, Teucro e Praza de España, haberá máis dunha decena de escenarios repartidos polos barrios.

Haberá escenarios, entre outros, en Eduardo Pondal, Campolongo, O Burgo, Barcelos, San Antoniño, Monte Porreiro ou o ámbito do Gafos. Este formato permitirá "espallar as festas" pola cidade e probar como funciona para futuras edicións das Festas de Verán.

"Antes o éxito das festas medíase no número de asistentes agora vaise medir pola variedade de espectáculos simultáneos para evitar as grandes aglomeracións", dixo a edil do BNG.

Todos estes pequenos escenarios foron aforados polos técnicos municipais que traballan coa hipótese de que a partir de xullo manteranse as limitacións da fase 3 da desescalada. É dicir, espectáculos ao aire libre co público sentado, aforo limitado, controis de acceso e con distancia de seguridade entre os asistentes.

Ven "improbable" que se poidan manter as verbenas e as atraccións do Santiaguiño e da semana grande da Peregrina

Con respecto á programación en si, Carme da Silva avanzou que será "variada e completa" e incluirá, como todos os anos, concertos, espectáculos de artes escénicas, actividades infantís ou proxeccións de cinema "de todos os estilos e para todos os públicos".

Para iso, o Concello decidiu contar exclusivamente co sector cultural "de aquí", ao entender que como administración pública "é a nosa obriga" apoiar aos artistas galegos "que tan mal o están a pasar" coa crise provocada pola pandemia.

"Serán unhas festas potentísimas", garantiu Da Silva, que permitirán "visibilizar o gran potencial" que existe no sector cultural de Pontevedra e de toda Galicia e que o diñeiro investido nesta programación se inxecte de novo na economía local.

Máis complicado será poder manter as verbenas e as atraccións do Santiaguiño e da semana grande da Peregrina. Aínda que a normativa sobre estes eventos "aínda está pendente", sinalou a edil de Festas, parece "improbable" que se poidan autorizar porque sería unha " irresponsabilidade" facilitar que se produzan aglomeracións.

Da Silva engadiu tamén que "Feira Franca vai a haber", aínda que en función da evolución da pandemia ao longo do verán terá, previsiblemente, un "formato diferente".