Os residentes da Rúa do Santo, na parroquia pontevedresa de Lourizán, sufriron na tarde deste domingo 16 de novembro unha nova inundación provocada polo colapso das canalizacións ante as intensas choivas dos últimos días.
Entre as 14:30 e as 16:30 horas, a auga alagou a rúa e as súas inmediacións, impedindo o acceso de vehículos e bloqueando a entrada e saída ás vivendas.
Os residentes sinalan, unha vez máis, que nestas vivendas viven persoas maiores con mobilidade reducida e menores.
Segundo relatan, a presión da auga provocou mesmo o levantamento de tapas da rede de sumidoiros, repetíndose danos aínda por cuantificar nas infraestruturas e canalizacións domésticas.
Técnicos de Viaqua e a Policía Local acudiron á zona para avaliar a situación e tratar de controlar os riscos.
Os veciños alertan de que o problema, se non se soluciona rapidamente, pode derivar en consecuencias aínda máis graves que as actuais, ao causar danos nas propiedades privadas
Tamén alertan de que este problema nas redes de augas residuais xera un potencial perigo sanitario.

A comunidade veciñal denuncia que persisten os erros de deseño na rede de saneamento, agravados pola acumulación de lodo e residuos procedentes de regatos próximos, sobre todo cando crece o seu caudal en épocas de choiva. Malia a recente limpeza realizada por Viaqua a finais de outubro, o problema das inundacións continúa.
A veciñanza apunta que xa en días previos se podían ver zapatos e outros obxectos de notable tamaño obstruindo o paso da auga e contribuíndo ao colapso das canalizacións nas zonas próximas ao parque infantil e ao antigo campo de fútbol.

Á espera dunha reunión pendente co Concello e Augas de Galicia para buscar solucións, os veciños presentaron reclamacións patrimoniais e anuncian que seguirán denunciando este problema que persiste no tempo.