Malestar veciñal pola falta de beirarrúas no acceso a vivendas na reforma da estrada provincial en Campelo

Poio
26 de agosto 2020

Residentes neste lugar do municipio de Poio amosan o seu malestar por unha reforma que, segundo afirman, provoca inseguridade viaria para as persoas que camiñen pola beira da estrada cara a Lourido que conta con máis casas. Indican tamén que a ampliación de case un metro da calzada cara a estas vivendas é un perigo para a veciñanza

Obra da estrada provincial en Campelo con beirarrúas só por un lateral
Obra da estrada provincial en Campelo con beirarrúas só por un lateral / PontevedraViva

En marzo de 2019 comezaban as obras de reforma da estrada provincial entre Campelo e Lourido no municipio de Poio. A Deputación tiña previsto levar a cabo un cambio de imaxe con mellores accesos, creación de sendeiros peonís e de espazos de convivencia veciñal.

Pero agora os residentes de catro propiedades de Campelo amosan a súa preocupación pola execución destas obras. Alertan da falta de beirarrúas por un dos laterais da estrada, precisamente pola marxe no que se atopan as súas vivendas. Juan é un dos veciños afectados e non entende por que razón non se constrúen beirarrúas na zona por onde os veciños camiñan para entrar e saír das súas propiedades. Afirma que esta carencia provoca inseguridade: "Eu teño fillos pequenos e xa non os podo mandar sós para tirar o lixo ao contenedor tal e como queda a carretera".

Sinalan que, ademais, a calzada desprazouse preto dun metro cara ás vivendas dese lado deixando menos marxe, nalgunhas zonas, para o paso dos peóns por este tramo. Os residentes afirman que se queixaron á Deputación e aos enxeñeiros que visitan as obras sen que as súas demandas tiveran éxito.

O proxecto contempla ademais unha plataforma única sen diferenza de altura entre a calzada e os carrís dos bordos, unha situación que é criticada polos veciños ante o temor de que os vehículos poidan golpear aos viandantes.

Os veciños recoñecen que a obra era necesaria porque supón mellora da iluminación pública, saneamento e sistema de pluviais, entre outros aspectos, pero entenden que estes traballos cun orzamento total que supera os dous millóns de euros deberían atender as demandas veciñais en canto a seguridade nos accesos ás vivendas.