Malestar na Xunta polas novas peticións do Goberno central para a dragaxe do Lérez

Pontevedra
24 de abril 2026

Portos de Galicia contrata de urxencia novos estudos ambientais ao recibir novas demandas do Ministerio para a Transición Ecolóxica no proceso de exposición pública. A Xunta mantén que en 2027 van iniciarse as obras

Agustín Reguera, Marta Villaverde e José Antonio Álvarez na rolda de prensa sobre a dragaxe do Lérez
Agustín Reguera, Marta Villaverde e José Antonio Álvarez na rolda de prensa sobre a dragaxe do Lérez / Antía Quinteiro García

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, compareceu este venres en rolda de prensa no edificio administrativo da Xunta de Pontevedra para debullar o balance do período de información pública do proxecto de dragaxe do río Lérez, unha obra que cualificou de "imprescindible para o sector marisqueiro e portuario de Pontevedra".

Malia o volume de alegacións e os novos requirimentos técnicos solicitados dende Madrid, a representante autonómica lanzou unha mensaxe tranquilizadora para os sectores afectados: o cronograma mantense co obxectivo de que as máquinas estean a traballar no ano 2027, pero recoñeceu que estas novas peticións atrasarán uns meses o inicio dos traballos.

O proceso de exposición pública e consultas sectoriais, iniciado a principios de febreiro, pechouse coa recepción de 43 alegacións.

Marta Villaverde, conselleira do Mar
Marta Villaverde, conselleira do MarAntía Quinteiro García

Segundo explicou Villaverde, a maioría delas (36) son copias cun contido idéntico, mentres que 7 presentan achegas diferenciadas. No que respecta ás administracións, Portos de Galicia recibiu 18 dos 30 informes solicitados.

"Os informes recibidos axudarannos a enriquecer o proxecto definitivo e vai contribuír a ter un deseño moitísimo máis sólido", sinalou a conselleira.

Entre as administracións locais (Pontevedra, Poio e Marín), só o Concello de Pontevedra remitiu un informe de carácter técnico no que solicita o respecto ao emisario submarino e a coordinación coas datas de eventos deportivos na zona, demandas que a Xunta ve factibles de integrar sen grandes dificultades, segundo apuntou o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez.

A parte máis complexa da tramitación recae nos requirimentos do Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO).

O Goberno central solicitou estudos complementarios que inclúen unha caracterización completa dos áridos a maior profundidade, análises sobre a presenza de especies exóticas invasoras, o impacto da turbidez nas praderías de Zostera e a afectación á praia de Lourido.

MALESTAR CO GOBERNO CENTRAL

Villaverde non ocultou o seu malestar ante estas demandas, que chegan despois de que a zona fora obxecto de catro caracterizacións na última década con resultados "inócuos".

Ao seu xuízo, estas exixencias "parecen querer dificultar a tramitación da obra, incrementando os custes e dilatando os prazos". Insistiu en que a Xunta decidiu "non perder nin un só minuto" e xa contratou a nova caracterización dos áridos, cun custo duns 60.000 euros, para axilizar a resposta ao Ministerio.

Un dos puntos máis polémicos nas alegacións de colectivos ecoloxistas e de particulares é o lugar onde se depositarán os sedimentos. A este respecto, a conselleira foi tallante: "A determinación do punto de vertido non é unha competencia autonómica, senón que foi determinado polo Ministerio".

Ante o receio xerado noutras zonas, especialmente na ría de Arousa, a Xunta reiterou que todos os estudos técnicos e simulacións de correntes avalan que "a ría de Arousa non vai verse afectada". 

Os responsables autonómicos sinalaron que se aceptará o punto indicado polo MITECO seguindo as recomendacións do comité científico do CEDEX (Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas).

A execución destes novos traballos, que inclúen gravacións subacuáticas ao longo de 15 quilómetros condicionadas pola visibilidade e o clima, podería atrasar a folla de ruta inicial uns dous ou tres meses.

A Xunta agarda remitir toda a información ao Ministerio nun prazo de tres meses.

Río Lérez
Zona onde se demanda a dragaxe do Río LérezCristina Saiz

Unha vez o MITECO emita o seu informe posterior a esa información, para o que ten 30 días hábiles de prazo, o expediente pasará á Consellería de Medio Ambiente para a Declaración de Impacto Ambiental.

"A nosa intención é licitar este ano o contrato e poder estar traballando xa no ano 2027", manifestou Villaverde, incidindo en que o rigor ambiental e a viabilidade económica do sector son os dous puntos básicos que guiarán os pasos definitivos deste proxecto que se leva demandando desde hai anos.