No medio dunha gran expectación, Mango abriu ao público este venres a súa nova tenda en Pontevedra, a que comercializará a súa liña de roupa orientada ao público xuvenil.
Mango Teen, tras meses de obras para acondicionar o local, está situada na confluencia das rúas Daniel de la Sota e Benito Corbal.
Ocupa até seis antigos locais comerciais, entre eles a discoteca Lelé de Noite, que foron unificados nun único espazo.
A firma catalá, que investiu máis de medio millón de euros nesta nova tenda, empregará nela a unha decena de persoas, segundo datos da compañía.
Desde primeira hora da mañá, moitos foron os que non quixeron perderse a estrea desta nova tenda, a terceira de Mango na 'milla de ouro' da cidade xunto ás tendas destinadas á roupa de muller e á roupa de home.

No seu interior, os clientes poderán atopar a colección completa da liña para mozos de Mango, entre eles artigos como camisetas, pantalóns, roupa deportiva, abrigos, chaquetas, calzado e todo tipo de accesorios.
A tenda tamén conta cunha estética de estilo mediterráneo, aliñada co estilo New Med que impulsa Mango nos seus puntos de venda físicos, con predominancia dos tons cálidos, as cores neutras e materiais sostibles.
Este novo establecemento ten a súa entrada por Benito Corbal e está repartido en tres zonas, das que tan só a planta baixa estará aberta ao público como zona de venda.
No resto do inmoble, que supera os 1.000 metros cadrados de superficie construída, hai almacéns, oficinas e zonas reservadas para o persoal.