Manuel Campos volve ser, a todos os efectos, alcalde de Cuntis tras asumir o bastón de mando municipal no pleno de investudura celebrado este sábado 17 de xuño.
Un acordo coa única edil do BNG na corporación, Natalia Camiña, absténdose na votación permitiu ao socialista manter a alcaldía e iniciar o seu terceiro mandato, aínda que polo momento o fará como o primeiro deles en minoría, tras ceder a maioría absoluta.
"É unha responsabilidade moi grande", recoñeceu Campos no seu discurso defendendo que despois de oito anos no cargo "a día de hoxe seguimos máis vivos que nunca nun proxecto de futuro para Cuntis".
"Vai ser unha lexislatura boa para todos e para todas. Dar as grazas aos veciños e a partir de hoxe comeza o traballo por Cuntis", concluíu o rexedor.
O BNG facilitou a investidura de Campos, pero non entra por agora a formar parte do goberno local, polo que o Partido Socialista gobernará con cinco concelleiros, os mesmos que o Partido Popular e completando a corporación a representante nacionalista.
Ademais de Manuel Campos, polo PSOE estarán na corporación municipal Conchy Campos, Ana Isabel Loureiro, Roberto Caeiro e José Antonio González.
Por parte do Partido Popular asumiron a súa acta Isabel Couselo, María José Liñeira, Roberto Campos, Salvador Santiago Pereira e José Ramón Ferreño, completando a lista de concelleiros Natalia Camiña polo BNG.