O próximo 18 de decembro, Manuel Deza "Xanelo" cumprirá 80 anos. E para conmemorar unha vida de esforzos e de axuda aos demais, Portonovo concederalle un dos seus principais distintivos honoríficos, a Raia de Ouro.
"Xanelo", durante máis de vinte anos, cedeu un baixo da súa casa a Os Gatiños de Portonovo para ensaiar e realizar actividades, presidiu a comisión de festas de San Cristóbal e rexentou, xunto á súa muller, o bar do Club de Xubilados de Portonovo durante case dúas décadas.
Asegurou que recibe con emoción a noticia de ser proposto polos colectivos da vila mariñeira para o galardón. "Algo faría ben, supoño", di.
Agora está dedicado ao coidado da súa muller enferma e acode, cando pode, a ensaiar coa Coral Polifónica Santa María de Adina.
"Estiven na coral do Grove, de Lores e dende hai 38 anos na de Portonovo como tenor. Gústame moito cantar", asegura Deza, que lembra que con apenas nove anos tivo que empezar no mar "porque había que axudar na casa".
Tras casar marchou a Holanda para traballar nun barco que transportaba produtos químicos como cloroformo ou arsénico que levaban a Beirut, Italia e Inglaterra nun barco pequeno no que ás veces, "con temporal pasabámolo ben mal".
Pero se de algo sente orgulloso é de organizar durante catro anos as festas de Portonovo. "Fixemos o primeiro libro de festas e coas contas, transparencia absoluta, publicamos no taboleiro gasto por gasto", lembra "Xanelo".
O primeiro ano tivo que convencer aos veciños que o apagamento do ano anterior non se ía a repetir.
"Cando collimos ás festas, cando iamos a pedir os veciños nos dicían que tiñan medo de quedar sen luz como o ano anterior e tivemos que contratar un xenerador potente por se pasaba. Non fixo falta", apunta entre risas.
Os que o coñecen defíneno como "un home bo, cun corazón de ouro e tranquilo" e que "non ten problemas con ninguén". Ten dúas fillas, un fillo e catro netos que o acompañarán xunto a moitos outros veciños no acto de entrega da Raia de Ouro.
Será o próximo 4 de maio, ás 12:30 horas, na Casa Mariñeira de Don Fernando.