Dezanove establecementos hostaleiros participarán na terceira edición do certame Portonovo Gastronómico, que se celebrará os próximos días 2, 3 e 4 de maio.
Cada un destes locais ofrecerá dúas tapas a un prezo de 5 euros. As súas propostas, que se poderán probar en cada establecemento, serviranse entre as 12:30 e as 14:30 horas e, en horario vespertino, entre as 19:30 e as 21:00 horas.
A Casa Mariñeira de Don Fernando, en pleno centro de Portonovo, acolleu este martes a presentación dun evento que, segundo sinalou a concelleira de cultura e eventos, Elena Torres, "mantén a esencia da Festa da Raia".
Serán tres días de animación nas rúas, con concertos de música en directo, exposicións ou xogos populares para o público infantil, nos que colaborarán todos os colectivos sociais de Portonovo, a quen Torres agradeceu a súa implicación con este evento.
Será un programa pensado para gozar "toda a familia", destacou a responsable da área municipal de cultura, na que se ofrecerán un total de 30 horas de actividades.
Os rostros dos veciños de Portonovo volverán lucir en Rafael Picó cunha gran exposición realizada por Ollares de Portonovo, que utilizando a intelixencia artificial quixeron comparar fotos antigas en branco e negro coas súas versións xa pintorladas.
Ademais, o domingo, 4 de maio, celebrarase a entrega da Raia de Ouro na Casa Mariñeira de Don Fernando. A persoa homenaxeada revelarase nos próximos días.
Haberá premios para o público, xa que os comensais poderán ir selando unha cartilla que permitirá participar nun sorteo de estancias e comidas por valor de 50 euros.
O sorteo realizarase o domingo ás 16:00 horas.
A programación de Portonovo Gastronómico, xunto coas propostas culinarias dos restaurantes participantes, pode consultarse neste enlace.