O Concello de Sanxenxo proxecta unha rehabilitación integral do edificio multiusos de Portonovo valorada en 1,2 millóns de euros.
O edificio, que foi construído en 1989, conta con 903 metros cadrados e presenta importantes deficiencias de accesibilidade e illamento.
A súa localización, en pleno centro da vila, e o bo estado da estrutura, así como as súas posibilidades de uso fai que o goberno local teña previsto melloralo e recuperalo como sede de Servizos Sociais, e de diversos usos sociais e educativos.
A ambiciosa reforma opta a unha axuda de 900.000 euros do Plan Provincia Extraordinaria da Deputación de Pontevedra.
A redistribución das plantas e que tanto escaleira como ascensor cheguen á planta semisótano permitirá utilizalo como acceso principal do edificio. Nesa mesma planta situarase a recepción e os Servizos Sociais do concello, deixando un importante espazo libre.
A primeira planta, pola rúa lateral, terá outro acceso distinto. Terá un uso esporádico para eventos públicos ou privados e será independente do resto do edificio. Este espazo estará totalmente acondicionado acústica e térmicamente.
A seguinte planta, habilitarase integramente para o departamento de Servizos Sociais para o que se disporán un total de 7 despachos para traballadoras sociais, psicólogas, o CIM, así como un posto de control e información, zona de espera reservada a usuarios e unha sala de reunións para os traballadores.
A planta segunda albergará as aulas de educación para maiores e o despacho de profesores. Tamén se dotará dunha aula técnica con servizos informáticos e audiovisuais para poder impartir cursos.
Por último, na planta baixo cuberta, manterase o uso como sala de estudos para aproximadamente 20 usuarios, onde primará a iluminación e o confort acústico.
