As Festas do Carme de Marín xa están, de maneira oficial, en marcha. O pistoletazo de saída, tras varias actividades previas, púxoo Manuel Villanueva, que deu onte á noite o pregón das festas desde o palco da Alameda do municipio.
Villanueva, actual director xeral de Contidos da cadea de televisión Telecinco, como non podía ser doutra maneira protagonizou un pregón cun marcado contido audiovisual, apoiado por varios vídeos nos que repasou a súa relación con Marín ao longo dos anos.
Neles, ademais, participaron personalidades como a escritora Susana Fortes, o músico Carlos Núñez, o escultor Paco Leiro, o actor Luís Zahera ou a xornalista Susana Pedreira, elaborados pola produtora marinense Trece Amarelo.
Tras destacar que a Marín "nunca lle puiden negar nada", polo que aceptou de inmediato cando lle propuxeron dar o pregón, o directivo de Telecinco quixo dedicar a súa intervención ao mar porque "lle debemos moitas cousas" e sempre está connosco "lembrándonos as nosas orixes".
Manuel Villanueva, que lembrou que naceu no barrio de Cantodarea, repasou durante o pregón a súa infancia en Marín ou os seus recordos vinculados á música, o mar, as festas, as tabernas os bares ou a literatura, animando aos marinenses para gozar destes días.
Ademais da Festa dos Viños da IXP Ribeiras do Morrazo, este domingo a programación das Festas do Carme de Marín inclúen pasarrúas con Trompos os Pés e Chaneiros, unha actividade infantil a cargo da compañía Tarabelos ou o gala Ballet de Galicia no parque Eguren.
En canto aos oficios relixiosos, celebrarase a misa e a procesión en honra a San Cristovo na igrexa de Santa María do Porto.
O luns comezará a Mostra de Artesanía na Alameda e comezarán as verbenas, a primeira a cargo da orquestra Kubo.