A empresa municipal Nauta Sanxenxo coñeceu este luns a oferta económica da única empresa que se presentou ao concurso para a rexeneración da praia da Carabuxeira, a firma lucense, Marcor Xove, que se compromete a realizar os traballos en 40 días laborais e cun orzamento de 123.355 euros (IVE incluído).
A proposta reduce o prazo os traballos en 50 días e tamén o orzamento de licitación en máis de 20.000 euros. A empresa propón o prazo máximo de garantía dos traballos, que é de catro anos.
En canto ao cronograma da actuación que decidirá o director de obra, o obxectivo, en principio, é que a instalación dos 70 metros lineais de tubos geotextiles quede lista antes de que conclúa este ano, a condición de que, as condicións meteorolóxicas permitan facelo con seguridade ao ter como escenario dos traballos un medio natural.
A principios do próximo daríase comezo á dragaxe e bombeo dos 10.000 metros cúbicos de area depositada na fronte da praia. En todo caso, a actuación estará concluída para a próxima Semana Santa.
O proxecto definitivo de rexeneración da Carabuxeira e Lavapanos contempla a achega de 14.000 metros cúbicos máis de area, pero ademais inclúe a construción dun dique para evitar a súa futura perda. Mentres se avanza nesta primeira fase, o Concello e Costas ultiman xa a redacción dun convenio para a creación dun paseo marítimo entre Panadeira, Lavapanos e A Carabuxeira que permitirá o tránsito peonil e o goce deste tramo de costa urbana.