Marcos Conde, reelexido secretario comarcal da CIG

Pontevedra
10 de xuño 2017

Continuará catro anos máis ao fronte do sindicato tras obter 121 votos favorables de 128 emitidos durante a sétima asemblea celebrada na mañá deste sábado 10 no Pazo da Cultura

Sétima Asemblea comarcal da CIG PontevedraViva

Sen sorpresas discurriu a sétima asemblea comarcal da CIG durante este sábado 10 no Pazo da Cultura de Pontevedra. Marcos Conde saiu reelexido como secretario comarcal do sindicato nacionalista e ocupará este cargo durante catro anos máis co obxectivo de manterse como a central con máis delegados na comarca de Pontevedra.

Conde obtivo 121 votos dos 128 emitidos entre os afiliados que asistiron a esta cita. Houbo un voto en branco e 6 nulos. Tamén resultaron escollidas as dúas candidaturas que encabezaba para o consello confederal e a executiva comarcal.

O secretario comarcal da CIG manifestou a súa "preocupación" polos anos que veñen onde agarda "problemas moi duros" para a clase traballadora ante os recortes de dereitos e salarios. Por iso reclamou aos afiliados desenvolver a loita nas rúas malia que teñan que recibir algún "zasca", apuntou Marcos Conde no seu discurso.

O acto rematou con vítores á clase obreira galega e a interpretación do himno galego.