Marea Branca confía en que Monte Carrasco "non irá arriba" ante o "fracaso" do hospital de Vigo

Pontevedra
21 de setembro 2015

A realidade do novo hospital de Vigo, no centro de todas as críticas sociais e políticas nas últimas semanas, "nos da a razón", segundo un dos portavoces da Marea Branca en Pontevedra, Fernando Míguez, en que "estaba máis que xustificada" a súa defensa da sanidade pública e o seu rexeitamento frontal á privatización da súa xestión. Así o sinalaron nunha nova concentración que se celebrou este domingo na praza da Ferrería

Concentración da Marea Branca pola sanidade pública na Ferrería
Concentración da Marea Branca pola sanidade pública na Ferrería / PontevedraViva

A realidade do novo hospital de Vigo, no centro de todas as críticas sociais e políticas nas últimas semanas, "nos da a razón", segundo un dos portavoces da Marea Branca en Pontevedra, Fernando Míguez, en que "estaba máis que xustificada" a súa defensa da sanidade pública e o seu rexeitamento frontal á privatización da súa xestión. Así o sinalaron nunha nova concentración que se celebrou este domingo na praza da Ferrería.

Unha trintena de persoas secundaron esta protesta, que tivo que abandonar o seu tradicional escenario, a praza da Peregrina, polo paso da Volta a Galicia. "Temos que defender o noso dereito a ter unha sanidade pública tanto os usuarios como os profesionais, porque hai xente que non está pola labor", afirmou Fernando Míguez, médico na área sanitaria pontevedresa.

Tal foi o "fracaso" do Álvaro Cunqueiro, segundo este portavoz, que os membros da Marea Branca están convencidos de que o proxecto de Monte Carrasco xamais será unha realidade. "É un investimento de moitos cartos, nun momento de crise e sen xustificación ningunha", sinalan os integrantes deste colectivo, "e os sucesos de Vigo nos animan a estar convencidos de que esa non é a liña a seguir".

Míguez lembrou que a razón de poñer en marcha este novo hospital é para "dar opción a que entre o capital privado" na xestión da sanidade pontevedresa, polo que celebra que "ese hospital nunca vaia ir arriba".

Desde Marea Branca insisten en que o máis adecuado é ampliar o actual hospital de Montecelo ao que "só lle faltaba un chanzo para completalo e con moito diñeiro metido xa". Entenden que a Xunta debería "afinar toda a dotación" e incluír no seu plan hospitalario diversas especialidades das que carece actualmente a área sanitaria norte da provincia. Se iso se produce, din, converteríase nun centro "válido" para a poboación á que atende actualmente.